10 de diciembre de 2015

TEMA 1 - Primeira reflexión: plurilingüismo ou multilingüismo?

«Se lle falas a unha persoa nunha lingua que entende, as palabras irán á súa cabeza;se lle falas na súa propia lingua, as palabras irán directas ao corazón.»

Nelson Mandela


Bo día, navegantes!

Hoxe publicarei una entrada algo diferente, xa que non se trata dunha ferramenta de innovación docente, senón dun comentario sobre o significado de dous termos que comentamos na clase de “As Linguas Estranxeiras no Contexto Español eInternacional: multilingüismo e plurilingüismo.
Preguntarédesvos que por que elixín dedicar a primeira entrada sobre esta materia a falar destes termos? Pois é doado de explicar, navegantes, porque opino que son palabras que tenden a crear confusión e sobre as que podemos atopar un mare mágnum de información na rede. Ademais, desde o punto dunha futura docente de linguas estranxeiras, é importante esclarecer as realidades ás que fan referencia.

O Dicionario en liña da Real Academia Galega só recolle o termo “plurilingüe, definíndoo coas seguintes acepcións:
1. Que fala varias linguas. Persoa plurilingüe.
2. Que está escrito en varias linguas. Cancioneiro plurilingüe. Dicionario plurilingüe.

Mentres que o dicionario en liña da Real Academia inclúe ambos termos, “plurilingüismo” e “multilingüismo”, aínda que non fai ningunha distinción entre eles:
multilingüismo. 1. m. Coexistencia de varias lenguas en un país o territorio. 
plurilingüismo. 1. m. multilingüismo. 

Non obstante, a pesar do escaso peso que teñen estas dúas palabras nos dicionarios tanto do galego coma do español, trátase de conceptos diferentes que é moi importante coñecer, saber diferenciar e ter en conta de cara a un futuro profesional como docente de linguas estranxeiras nun contexto de aprendizaxe non só español senón tamén europeo.

Nas últimas décadas, desde o nacemento da Unión Europea, propiciouse a aparición dun entorno europeísta no que se da unha situación de convivencia constante entre as linguas e culturas dos distintos países membros. Cómpre mencionar que desde a Unión Europea dáselle especial importancia ao feito de que os cidadáns deberían dominar varias linguas. Ademais, no relativo á ensinanza amósase un enfoque de aprendizaxe permanente desde o plurilingüismo, polo que será esa a visión coa que nós, como futuros docentes, deberemos afrontar as sesións. 

Cal é entón a diferenza? 

Volvendo aos termos en si, por unha banda, unha posible definición (segundo o Consello de Europa) para multilingüismo sería a presenza de máis dunha lingua ou dialeto nun área xeográfica. Por outra, plurilingüismo é unha característica daqueles individuos que son quen de utilizar varias linguas: ademais dunha lingua materna, poden falar linguas estranxeiras. Por conseguinte, poderíamos dicir que o multilingüismo fai referencia á comunidade ou sociedade na que coexisten linguas, ao conxunto de individuos que coñecen e empregan distintas linguas. En contraposición, o plurilingüismo refírese ao individuo en si mesmo e á súa capacidade de comunicarse de maneira efectiva en distintas linguas. Dito doutro xeito, nunha zona multilingüe fálanse varios idiomas pero pode haber individuos plurilingües e monolingües. 

Como se poderían trasladar ambos conceptos ao ámbito escolar? 

Unha maneira de facer da escola un espazo multilingüe consistiría, por exemplo, en diversificar o número de linguas que se ofertan nos centros escolares, permitindo que o alumnado poida aprender distintos idiomas estranxeiros, mais é importante comprender que isto non sería suficiente para considerar que se crea un ambiente plurilingüe.. No caso do enfoque plurilingüe debería crearse inquietude polas linguas e favorecer o seu uso por parte do alumnado. Por exemplo, podería contarse con profesorado plurilingüe que sexa capaz de empregar varios idiomas e que propicie a interacción de varias linguas na aula, tamén podería propoñerse ao alumnado a creación de glosarios en varios idiomas ou o deseño de materiais gráficos en distintas linguas. Neste segundo escenario de plurilingüismo nas aulas, conseguiríase que o alumnado desenvolvese competencias comunicativas que lle permitirían comprender e facerse comprender en distintos medios internacionais.



Que opinades vós, navegantes? 
De que outros xeitos se podería favorecer o plurilingüismo nas escolas?

9 de diciembre de 2015

Formulario a babor!

Saúdos, navegantes!

Nunca se sabe o que podemos atopar flotando no mar. Nesta ocasión recollimos un formulario simple de avaliación inicial sobre os pronomes persoais en inglés. Aínda que existen varias ferramentas en liña para facer este tipo de cuestionarios, hoxe utilizamos a de Google Drive.

Déixoa aquí para que lle botedes unha ollada!
Espero que vos resulte interesante.

4 de diciembre de 2015

Infografía útil para que non vos boten pola borda!

Queridos navegantes, como xa sabedes, os debates non sempre resultan sinxelos. Sobre todo
se hai ron de por medio... Valédevos desta infografía para que non vos boten pola borda
por culpa dun debate mal levado.

Para facela utilicei easel.ly, unha ferramenta que me pareceu de gran utilidade.

Comosobreviviraundebate
easel.ly

Ao recoller as redes atopamos "videoquiz"!

Que sorpresa nos levamos ao atopar este videoquiz!

Para facelo empreguei ESLvideo, unha ferramenta bastante útil e cunha interfaz doada de comprender e de manexar.


3 de diciembre de 2015

Unha postal desde cada punto cardinal!

Bo día navegantes!

Entre onda e onda descubrimos unha nova ferramenta para crear recursos en liña: Issuu.

A partir dun documento en pdf, este recurso crea un arquivo cunha presentación bonita e diferente. Neste caso, proporemos ao alumnado que imaxinen que están de travesía ao redor do mundo e que atracan en distintos puntos de interese turístico e deciden enviar postais a algún amigo.

2 de diciembre de 2015

Prezi á vista, navegantes!

Viramos a estribor e atopámonos cun reto.

A continuación atoparedes unha presentación en prezi que explica as ideas de base que manexaremos para conseguir cumprir este Reto 1: deseñar un plan de aprendizaxe sen papel.


Atracamos no embarcadoiro de Educaplay

Nesta entrada atoparedes tres actividades creadas coa ferramenta Educaplay. Están pensadas para alumnos da materia de Inglés de 3º de ESO.

En primeiro lugar, un exercicio de completar os ocos:

Computers

En segundo lugar, unha actividade de vocabulario no que hai que relacionar os elementos de dúas columnas:Risk sports


E por último, un crucigrama con verbos irregulares: Irregular verbs

Espero que vos resulten interesantes como exemplo.
Ata pronto, navegantes!

Presentación en 3, 2, 1...

Ola de novo, navegantes!

É importante que os membros dunha tripulación se coñezan ben, por iso, comezarei colgando un breve vídeo de presentación que realicei con Animoto, unha ferramenta moi útil e fácil de utilizar.


Benvidos, navegantes!

Aquí comeza esta viaxe polos mares da ensinanza.

Este blog nace como parte dun proxecto de innovación docente, no marco do Mestrado en Profesorado da Universidade de Vigo. Ao longo das vindeiras semanas seredes testemuñas desta travesía, na que irei publicando distintos materiais e varias entradas que se corresponden cos contidos das materias "Estratexias de innovación docente no campo das linguas estranxeiras" e "As linguas estranxeiras no contexto español e internacional".