Ola a todos e todas, navegantes!
Hoxe tivemos a sesión de presentación de Ana
Fontenla, a cuarta e última profesora da materia “Didáctica da ensinanza das
Linguas Estranxeiras”. Dedicarei esta entrada do Diario a reflexionar sobre a
propia sesión: Cales foron as primeiras impresións? Que consellos podemos
extraer desta sesión? Continúa lendo para saber máis…
“Non vos vou
ensinar a verdade absoluta,
senón a miña
verdade, baseada na miña experiencia”
Con esa frase comezou a sesión do 17 de febreiro.
Unha frase que implica unha actitude, unha maneira de pensar, unha concepción
do ensino-aprendizaxe afastada dos métodos máis tradicionais, que deixa lugar
ao debate, ao razoamento crítico e que, sobre todo, aclara cal será o enfoque
desta parte da materia. A docente, quixo
especificar que ela non vai dar dogmas de fe nas súas sesións, senón que nos
vai falar desde a súa experiencia como profesora de inglés nun instituto. Por
iso, non destinaremos as catro sesións con Ana Fontenla a estudar unha pila de
teoría, senón que o que imos facer será centrarnos nun enfoque máis práctico
das sesións. Xunto con Luz Valencia, esta nova profesora vainos traer (por
fin!) a parte que levamos agardando todo o Mestrado e que, desde o meu punto de
vista, debería ocupar máis horas presenciais. Como se poden traballar as
distintas destrezas e competencias nunha clase de L.E.? Como é ser profesora de
grupos de ESO e Bacharelato? Que tipo de situacións nos podemos atopar na
realidade? Son algunhas das preguntas que fomos respondendo a medida que
avanzou a sesión. Se alguén me preguntase como foi a miña primeira impresión,
sen dúbida lle respondería que foi moi positiva. Creo que é un sentimento
xeneralizado no grupo, xa que levamos pedindo que chegara a práctica desde o
inicio do curso.
Nas catro horas que durou a sesión explicáronsenos
varios conceptos e puxemos en práctica múltiples actividades e dinámicas útiles
para traballar a comprensión oral (aínda que non é posible traballala de forma
illada sen contar con outras destrezas). Non obstante, gustaríame centrar o
resto desta entrada nalgúns dos consellos que foron xurdindo ao longo da tarde
e dos que, creo, poderemos botar man cando sexamos profesoras nun futuro
próximo.
- “O primeiro día é clave”: a primeira impresión é moi importante e o primeiro día de clase pode influír enormemente cal será a actitude do alumnado durante o resto do curso. Por iso, deberiamos aproveitar ese primeiro día para establecer tres puntos fundamentais, que son normas básicas de convivencia, bo ambiente e unha relación de proximidade e de respecto mutuo. En canto as normas básicas, gustaríame deixar clara a miña opinión, xa que non creo que o máis adecuado sexa impoñer certas regras desde o primeiro día, senón negocialas co alumnado. Negociar as normas significa facer que se impliquen desde o primeiro día con elas, que asuman responsabilidade, deixar que expresen aquilo que consideran molesto nunha convivencia de aula, de xeito que ao saltar unha norma comprendan que non só molestan ao docente, senón tamén aos seus compañeiros e compañeiras.
- “Hai que dar para recibir”: non se lles pode pedir aos alumnos que fagan o que nós non facemos. Non podemos esixir que entreguen traballos dentro dun prazo axustado, se despois tardamos meses en corrixilos; nin podemos pretender que estean de bo humor na aula, se nós temos mala cara. Se queremos que participen na clase, que tomen en serio as actividades, que se traten entre eles e a nós con respecto, entón, o docente tamén terá que facelo. Como en case tódolos aspectos da vida, hai que dar para recibir.
- “Toda actividade debe ter un obxectivo claro”: debemos ter claro en todo momento cal é o obxectivo das actividades e dinámicas que realicemos en clase e sempre intentar ser coherentes con el. Que buscamos con ese exercicio? Que imos facer con ese texto? Ese será un diálogo baleiro? Que pretendemos coa lectura deste libro, fomentar a lectura ou afianzar os coñecementos sobre gramática? De cara á planificación, consecución dos obxectivos e avaliación da materia é fundamental. Ademais, opino que se nós temos claro o obxectivo e llo facemos entender ao alumnado, isto poderá reflectir positivamente na actitude e motivación do alumnado, que moitas veces sinte que se perde tempo na clase e non ve a utilidade dos exercicios.
- “Se o docente se aburre, os alumnos tamén”: Esta frase debería nun cartel á entrada de tódolos centros de ensino. Todos somos persoas, tanto os docentes como os discentes. Que vos fai pensar que unha actividade que vos parece aburridísima lles vai encantar? Hai que gozar co que se fai nas horas de clase e sacarlles o máximo partido.
- Adaptar a clase á diversidade non significa levar moitísimo traballo extra: Para adaptar a nosa clase á diversidade, non é necesario deseñar milleiros de actividades específicas, senón que en moitas ocasións, bastará con adaptar a distintos niveis de dificultade as actividades que xa temos. Por poñer un exemplo, un mesmo listening pódese traballar simultaneamente de xeitos diferentes, facilitándolles certas cuestións a aqueles que teñan máis dificultades (dándolle a transcrición, preguntas de guía, vocabulario…).
Estes foron algúns dos consellos que máis útiles
me pareceron, pero seguro que esquezo varios polo camiño. Collo con ilusión
esta parte da materia e espero que siga sendo tan inspiradora como neste
primeiro día. Navegantes, non dubidedes en deixar a vosa achega na sección de
comentarios: Lembrades máis consellos útiles que xurdiran
nesta sesión? Estades de acordo cos que están listados nesta entrada? Ata pronto!
Hola, Laura:
ResponderEliminarEstoy de acuerdo contigo, para mí esa primera frase que citas también fue muy significativa y espero con ganas las dos sesiones que faltan (no es por ser pelota, vaya).