26 de febrero de 2016

Querido diario: Achegar as programacións ao alumnado (22.02.16)

Ola de novo, navegantes!

Hoxe, o Diario servirame para reflexionar acerca dunha cuestión que xurdiu durante a sesión do 22 de febreiro, con Carlos Valcárcel. Desta volta a estrutura da entrada vai ser un tanto diferente: sen resumir sesión, xa que a entrada de Dossier permite facerse unha idea bastante completa do que fixemos na clase, pasarei a reflexionar e compartir con vós a miña opinión sobre a importancia de que os alumnos coñezan a programación didáctica da materia.


Lembro cando cheguei á universidade e escoitei falar por primeira vez na vida de guías didácticas e programacións de materias. Nese mesmo intre sentín a necesidade de volver ao meu instituto e compartir co alumnado ese mundo marabilloso que se acababa de presentar ante min. Entre outras cousas, por fin podía saber cales eran os contidos do curso e cal sería o sistema de avaliación, ese gran descoñecido. Pode que vos pareza algo esaxerada a miña reacción, pero tras sufrir durante toda a ESO o nerviosismo de non saber exactamente que se ía ter en conta para a nota final, cales eran os obxectivos que se esperaba que acadaramos, nin que temario iamos ver, agradecín profundamente contar con esa información (que por norma xeral aparecía na web da facultade).

Deberíanselle amosar as programacións ao alumnado? Ten máis puntos positivos ca negativos?

Desde o punto de vista dunha alumna que viviu tanto o que é contar con programacións da materia, coma o suspense de non ter unha guía do curso, podo dicir que sempre se debería compartir esa información co estudantado. Coñecer o que vai acontecer, que temas se van tratar ou como vai ser a avaliación, reduce a frustración e a ansiedade que acompaña o inicio dunha materia nova e permítenos saber a que nos enfrontamos a grandes trazos e o que se espera de nós, algo que nos axudará a visualizar o curso, a crear expectativas máis acordes coa realidade e que tamén pode influír na nosa motivación de cara á materia. Na miña visión, como xa avancei, non hai case ningún aspecto negativo en facer do dominio público as programacións, salvo que se non interesa o temario, pode ser a causa de desmotivación, pero opino que favorece a transparencia da materia, facilita cuestións legais, reduce a frustración do alumnado, ofrece unha guía tanto para pais, nais e titores como para estudantes, tanto de contidos como a nivel de esixencias, favorece o desenvolvemento do espírito crítico do alumnado e inflúe positivamente na súa aprendizaxe, xa que pasan a ser conscientes do seu proceso de aprendizaxe.


É posible facilitar sempre o acceso ás programacións? Cal sería a mellor maneira de facelo?

En primeiro lugar, por unha banda, hoxe en día que vivimos na era da información e das TIC, penso que o máis sinxelo sería publicar as programacións de tódalas materias nas páxinas web dos centros. Dicir que non é factible sería unha mera escusa. Se cadra, a Administración debería contemplar liberar horas aos xefes de departamento só para este tipo de xestións, ou contratar a funcionarios que se encarguen das web dos centros, para mantelas actualizadas e o máis completas posible. Por outra banda, podería haber un taboleiro nos centros no que cada departamento colgase as súas programacións, para que non sexa imprescindible acceder a internet para consultar a información da materia.


En segundo lugar, desde o meu punto de vista, a primeira sesión de cada materia, ademais de facer as presentacións pertinentes, deberíase destinar certo tempo a revisar a programación didáctica. Serviría para aclarar certos dereitos e deberes dos alumnos, aumentar a súa concienciación sobre a importancia da xustiza e de implicarse no seu proceso de aprendizaxe, coñecer algo tan importante coma o sistema de avaliación e os demais puntos comentados anteriormente. Non o considero unha perda de tempo, senón un paso necesario para entender o funcionamento da materia.


Que pensades vós, navegantes? Estades a favor de facer públicas as programacións didácticas? Considerades unha perda de tempo comentalas na primeira sesión do curso? Cal foi a vosa experiencia coas programacións didácticas durante a secundaria?

No hay comentarios:

Publicar un comentario