12 de febrero de 2016

Dossier: Variables na situación de ensino de L.E. (01.02.16)

Ao recoller as redes atopamos catro actividades!

Na sesión de “Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras” do día 1 de febreiro realizamos catro actividades en grupo intercaladas cos contidos da materia que nos deu tempo a tratar (e que podedes consultar na entrada de Diario coa mesma data). O que toca agora é describir en que consistiron ditas actividades e que resultados conseguimos, acompañado dunha breve reflexión acerca do traballo en equipo.



Abrimos a sesión cunha primeira actividade de quecemento, como vén sendo habitual nas clases con Carlos Valcárcel. Nesta ocasión, divididas en grupos de catro persoas, tivemos que relacionar as metodoloxías didácticas con distintos contextos de aprendizaxe e clasificalas en función de se deberían ou se poderían aplicarse e incluír os principais factores dos que depende. O resultado ao que chegamos entre todas aparece resumido no seguinte cadro:


Con esta actividade rematamos cos contidos que comezaramos a ver na sesión anterior (Diario do 27 de xaneiro). A principal conclusión que sacamos, foi a necesidade de adaptar as metodoloxías didácticas segundo as distintas situacións de ensino que se nos presenten, que dependen de moitos e moi diversos factores. Explicado cun exemplo, non se debería impartir a materia de Lingua Estranxeira: Inglés da Secundaria, coas metodoloxías da didáctica dunha lingua inicial; do mesmo xeito que nunca ensinaríamos un idioma da mesma maneira a un grupo de nenos de 5 anos cá un de adultos. Tamén podemos observar que o factor idade é dos que ten maior presenza, o que nos serviu para avanzar cara a seguinte actividade.

A segunda actividade chegou despois de tratar o tema da idade e a súa influencia na aprendizaxe de L.E. A idade é un dos factores máis relevantes á hora de decidir unha metodoloxía didáctica de L.E. Pois ben, divididas en grupos elaboramos un listado coas características da aprendizaxe dunha L.E. que diferencian ás persoas menores de 8 anos e adultas e que cómpre ter en conta como docentes de linguas.



Máis adiante, cando nos centramos na influencia que unhas linguas exercen sobre outras, realizamos a terceira actividade, que consistiu en poñer un exemplo de transferencia positiva e negativa entre linguas, velaquí vai algún exemplo.

  • Transferencia positiva: neoloxismos necesarios que proveñen do inglés (mitin co sentido de reunión pública para expor e tratar ideas e cuestións políticas ou sociais); estruturas similares (a posesión italiano en italiano e galego funciona do mesmo xeito: la machina de María - o coche de María)
  • Transferencia negativa: anglicismos para os que xa existe un vocábulo no noso idioma (mouse no canto de rato, parking en vez de aparcadoiro); falsos amigos (carpet - carpeta* no canto de alfombra); erros en estruturas (voy ver la tele* no canto de voy a ver la tele, por influencia do galego).
Cara a fin da sesión, comezamos unha cuarta actividade, centrada en atopar diferenzas entre os centros privados e os centros públicos. O certo é que suscitou bastante debate no grupo e sorprendéronnos algúns dos datos que se comentaron. Algunha das diferenzas máis destacadas son:

  • recursos e procedencia dos mesmos
  • cursos que se imparten
  • retribución dos docentes
  • liberdade dos privados fronte aos públicos
  • homoxeneidade (polo xeral) do alumnado dos centros privados
  • control pedagóxico e financeiro das administracións públicas
  • esixencias na formación e contratación do profesorado
  • política de admisión dos estudantes
Desde o meu punto de vista, esta última actividade serviunos para coñecer a realidade á que nos imos enfrontar en canto rematemos o mestrado e para a que debemos estar preparadas. Pero tiven a sensación de que quedou incompleta, que lle faltaba unha reflexión final global ou analizar un exemplo real. Con todo, esta foi unha sesión bastante completa no que a actividades se refire, veremos como serán as que nos quedan por diante.
Saúdos, navegantes e ata pronto!

No hay comentarios:

Publicar un comentario