30 de enero de 2016

Dossier: Lingua materna vs. lingua estranxeira (27.01.16)

Todos á cuberta principal, navegantes!

Unha nova entrada do Dossier merece que nos reunamos para comentar as novidades da materia “Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras”. Desta volta falaremos da actividade realizada na sesión do día 27 de xaneiro.


Esta segunda sesión co profesor Carlos Valcárcel tan só durou dúas horas, a metade do normal, polo que non tivemos tempo para facer máis ca unha actividade de aula. Afortunadamente, seguimos coa dinámica de traballo da sesión do 25 de xaneiro, baseada principalmente en tres elementos motivadores: a participación, a reflexión colectiva e o debate.

En que consistiu a actividade?

Debiámonos xuntar en grupos de 3-4 persoas para intentar atopar diferenzas e similitudes entre “lingua materna” e “lingua estranxeira”. Cómpre mencionar que o termo “lingua materna” dá lugar a confusións e sería máis recomendable utilizar “lingua inicial” ou “lingua primeira” (para máis información: Diario do 27 de xaneiro). 


O meu grupo estaba formado por Francesca, Paula, Marta e máis eu. Centrámonos en identificar as diferenzas, polo que a lista de puntos en común é moi curta e redúcese ao feito de que ambas son idiomas utilizados por certas comunidades para relacionarse entre si. Logo, xuntas, e contrastando as nosas ideas coa opinión do resto do grupo, chegamos á conclusión de que as principais diferenzas son as que aparecen no seguinte cartel (podedes facer clic nas imaxes para velas ampliadas):


Que conclusións sacamos en claro?

No referente aos resultados do exercicio, concluímos que desde o punto de vista da didáctica de linguas, como futuras docentes, será moi importante ter en conta ditas diferenzas para poder enfocar da maneira máis axeitada a aprendizaxe do alumnado. Resulta evidente que non se empregará a mesma metodoloxía para traballar a lingua inicial que a estranxeira, xa que nin os coñecementos culturais, a exposición á lingua e á cultura, nin os obxectivos do alumnado ou da materia son semellantes. Por exemplo, non será preciso explicar a necesidade da concordancia de xénero e número dos substantivos e adxectivos na lingua materna, xa que é algo que se fai naturalmente, mentres que sería esencial estudalo nunha clase de lingua estranxeira.

En canto á propia actividade de debate e reflexión, a miña conclusión persoal é que seguimos avanzando no bo camiño. Ás veces dáme a impresión de que nestes dous días de clase estamos a coller máis confianza entre nós, no grupo, ca en todo o que levamos de curso. Este tipo de exercicios proporciónanos un espazo no que participamos todas, que nos permite falar en alto, compartir directamente as nosas opinións co resto das compañeiras e, dalgunha maneira, coñecernos un pouco máis e mellorar o ambiente de aprendizaxe.

Algo máis que engadir?

Para rematar gustaríame comentar a miña opinión persoal acerca da semellanza entre linguas, xa non só entre “lingua materna” e “lingua estranxeira”, senón entre as linguas en xeral. Porque penso que tamén é unha postura que se pode compartir co alumnado nas clases de idiomas e que pode resultar motivadora para moitos e moitas. 

Eu son da opinión, se cadra equivocada, de que as linguas, por moi diferentes que parezan, teñen puntos en común. Con esta afirmación non estou a facer referencia á teoría monoxenética (deixemos este tema para debates futuros), senón ao feito de que por múltiples causas, como poden ser as invasións, colonizacións ou o fenómeno da globalización, entre outras, é moi difícil non atopar elementos compartidos entre linguas, ben a nivel de vocabulario, das estruturas, do alfabeto… Para explicar un pouquiño máis esta idea, porei un exemplo con dúas linguas afastadas e que, cando menos en aparencia, son completamente distintas: o galego, como representante da familia das linguas romance, e o ruso, unha lingua eslava que nin sequera comparte o noso alfabeto. A simple vista pode parecer que aprender ruso é misión imposible, pero cando comezamos a afondar descubrimos elementos semellantes á nosa lingua que nos motivan, xa que nos poden facilitar a tarefa.

O primeiro que me dixeron ao expresar a miña interese polo ruso foi “Cirílico, miña naiciña querida!”. Sen chegar a contaxiarme da negatividade que pode desprender ese comentario, boteille unha ollada ao alfabeto que utiliza o ruso e (vaia sorpresa!) recoñecía moitas das letras, que se usan en galego, e outros símbolos semellantes aos do grego. Aquí vos deixo unha ilustración para que o comprobedes: A, E, K, M, O, T, X ou Ф, У, Р, П, Г, por exemplo. Aínda que no canto do alfabeto tamén podería escoller algunha palabra que foneticamente é moi similar ao galego ou ao italiano, como PECTOPAH, que se pronunciaría /ristorán/, restaurante, ou BИHO /vino/, viño.

Que vos parece, navegantes? Gústavos a dinámica de traballo que temos na clase? Compartides a miña opinión sobre a semellanza das linguas? Contemplades dita semellanza como elemento moivador para o alumnado?

No hay comentarios:

Publicar un comentario