8 de enero de 2016

TEMA 3 - Terceira reflexión: Como debe ser unha clase de idiomas para resultar interesante?

Ah do barco, navegantes!

Entre onda e onda, aquí vai a entrada sobre o terceiro tema da materia As linguas estranxeiras no contexto español e internacional. O profesor Eduardo José Varela, propúxonos reflexionar e intentar responder a seguinte pregunta: como debe ser unha clase de idiomas para resultar interesante?


Creo que todos estaredes de acordo en que esta reflexión pode levar facilmente a un traballo de introspección. Por iso, para poder responder a esa cuestión dunha maneira axeitada, deberei dedicar un momento a recordar as clases de idiomas ás que eu mesma asistín e pensar nos aspectos delas que máis apreciei e tamén aqueles que desbotaría. Para ser sincera con vós, creo que este vai ser un dos comentarios do blog que me resulte máis útil tanto a nivel persoal como profesional, xa que me vai servir de axuda para coñecerme un pouco máis a min mesma e perfilar o tipo de profesora que me gustaría ser e o tipo de ambiente que me gustaría crear nas clases que imparta nun futuro próximo.

En primeiro lugar, gustaríame comentar dous aspectos que resultan imprescindibles para que unha clase calquera, e non necesariamente unha de idiomas, resulte interesante. Desde a miña experiencia como alumna, para que unha clase funcione ben os seus obxectivos deben estar claros desde o comezo do curso: contidos da materia, nivel esixido, sistema de avaliación, etc. Igualmente, todo curso debe contar cunha boa planificación que facilite acadar ditos obxectivos. Con isto, todas as partes implicadas saberán en todo momento cal é o calendario, o que se espera delas, de que punto parten e ata onde deben chegar para superar o curso, no que poderíamos facer referencia a tres tipos de avaliación ás que nos poderiamos enfrontar: autoavaliación, avaliación no curso e posibles avaliacións externas.

En segundo lugar, centrémonos no que non pode faltar nunca nunha clase de idioma para que sexa efectiva. Sen dúbida, ao igual que os obxectivos deben estar claros, os contidos deberán axustarse sempre ao nivel do curso. Hai que ter en conta que un desaxuste na dificultade dos exercicios, por exemplo, pode xerar malestar nos alumnos, supoñer unha baixada de autoestima, crear sensación de estar perdendo o tempo e provocar falta de interese. Para isto paréceme salientable facer unha proba de nivel inicial para coñecer mellor o nivel xeral dos alumnos e saber cal é o punto de partida. Ademais, deberanse traballar tódalas destrezas da lingua estudada que, no caso do inglés son comprensión oral, comprensión escrita, expresión oral e expresión escrita (en inglés: listening, speaking, writing, reading). Con respecto a este punto, quero sinalar que non penso que se deba dar prioridade á gramática, como se ven facendo na ensinanza de linguas en España, nin a ningunha das destrezas en particular por encima das outras. Ao fío desta afirmación, voume permitir citar un artigo que, aínda que é dos anos 80 e polo tanto non se pode dicir que estea actualizado ou que recolla as novas orientacións metodolóxicas, plasma o feito de que tódalas destrezas se complementan e deben ser traballadas de maneira paralela: “La enseñanza del inglés y las cuatro destrezas: escuchar, hablar, leer y escribir” de Arsenio Sánchez Calvo. Esta é unha idea que podemos ver repetida ata o día de hoxe en fontes variadas como blogs de aprendizaxe do idioma, como en The Anglo: “Estas catro habilidades non existen de forma independente, son unha unidade que depende unha da outra e son indispensables para lograr un verdadeiro entendemento do idioma e unha comunicación máis efectiva e natural”. De tódolos xeitos, síntome na obriga de destacar que hoxe en día moitos recomendan outros métodos de aprendizaxe, dándolle un papel especial ás competencias comunicativas, particularmente á destreza oral, como queda plasmado nesta publicación de Lourdes Gordillo do ano 2011, "Desarrollo de la comunicación oral en la clase de inglés".

Para rematar, ¿cal penso que é o aspecto clave que fará de calquera clase, incluída unha de idiomas, resulte interesante? A motivación. Se comparamos unha clase de idiomas cunha obra culinaria, a tódolos puntos que acabo de comentar, habería que engadir o que sería o toque de sabor, o aderezo perfecto que fará que tódolos comensais queden satisfeitos: a motivación. Por suposto que cada un ten as súas motivacións particulares para anotarse e participar nun curso, pero se pensamos só na clase, desde a miña perspectiva, o dinamismo, a combinación de tódalas destrezas de xeito paralelo, a innovación docente, un profesor con actitude accesible… son algúns dos aspectos que favorecen a motivación de tódolos asistentes e que fan que se esqueza a monotonía das clases tradicionais para acoller unha clase interesante e motivadora.

Esta é a miña opinión pero, navegantes, ¿qué pensades vós? ¿Paso por alto algún aspecto fundamental? ¿Credes que a motivación é a clave?


No hay comentarios:

Publicar un comentario