Ola a todos e todas, navegantes!
Esta é a derradeira entrada do meu caderno de bitácora con relación a “Didáctica
da Ensinanza das Linguas Estranxeiras”. Rematamos as sesións presenciais e non
puido ser de mellor maneira. Nesta entrada farei unha reflexión final sobre
esta parte da materia. Facede clic na imaxe para ler máis…
A derradeira sesión desta materia foi especial, o broche perfecto para o
curso. Como non podía ser doutra forma, aproveitamos ao máximo as catro horas
do xoves para compartir e construír coñecemento. Guiadas por Ana Fontenla e Luz
Valencia, xuntámonos os dous grupos de Linguas Estranxeiras para debater sobre
distintos temas controvertidos como o acoso escolar, o uso das TIC na aula, o emprego
ou non de libro, entre outros. Pareceume moi útil o feito de poder contrastar
as diversas opinións que se comentaron na aula coa experiencia das docentes,
que en moitos casos nos permitiu tomar unha perspectiva un tanto máis realista.
Materia de didáctica no Mestrado
Cómpre mencionar que, na miña visión, esta foi a materia máis útil e
interesante de todo o Mestrado. Como xa mencionei nalgunha entrada anterior da
parte de Carlos Valcárcel (como esta
ou esta
outra), cheguei a este derradeiro módulo de docencia presencial con
bastantes expectativas. A estrutura do mestrado e da maioría das materias
supuxo, cando menos desde o meu punto de vista, que desaproveitaramos moito
tempo volvendo sobre contidos xa vistos, nalgúns casos para ampliar
información. (Tamén houbo materia interesantes, como Psicoloxía, onde tratamos temas
moi relevantes e que ata se nos fixo curta.)
Parte de Luz Valencia e Ana
Fontenla
Se ben esta materia me pareceu a máis importante do Mestrado, as sesións de
Luz e Ana foron para min as máis enriquecedoras. Foron a brisa de aire fresco
que nos achegou o que tanto levabamos agardando: a práctica docente. Ademais,
as súas sesións estiveron repletas de consellos, exemplos, recursos e
ferramentas para enfrontarnos ao que nos depara o período das prácticas e,
tamén, a nosa (a partir de agora) profesión. Non tódolos docentes “predican co
exemplo”, máis ben son minoría. Pero estas dúas profesoras amosáronnos que é
factible coordinarse para deseñar clases complementarias, dinámicas, nas que
reina a flexibilidade para adaptarse ás necesidades do alumnado. Bo exemplo
diso podémolo atopar nesta última sesión, que decidiron transformar nun debate
para tratar dúbidas e compartir opinións útiles, aínda que tamén lembro que en outras
sesións cando xurdían multitude de dúbidas, non tiñan ningún problema en
escoitarnos, responder.
En canto á metodoloxía de traballo na aula, gustaríame engadir que o feito
de experimentar nas nosas propias carnes as actividades e dinámicas que se
poden traballar co alumnado pareceume do máis acertado. Non hai mellor maneira de
empatizar co alumno e de saber se unha actividade pode ou non funcionar, que
probar a facela un mesmo. Así mesmo, aínda que nun primeiro momento me fixo
sentir algo incómoda non poder usar o ordenador, bastoume coa primeira sesión
para convencerme de que non era necesario. Comentabamos as cuestións máis
relevantes, se non podiamos anotar todo non pasaba nada, porque sempre non
enviarían un resumo da sesión, e era unha boa forma de non perder tempo entre
cables e de achegarnos máis os uns aos outros.
Tamén cómpre mencionar que nestas clases, que se quedaron moi curtas,
adquirimos unha formación global, non só nos limitamos a revisar contidos ou a
experimentar e deseñar actividades. O ambiente creado na aula e os temas que
xurdiron permitíronnos tratar cuestións de actitude de cara ao traballo de
docente, axudándonos a valorar o importante que é ter vocación, poñerlle ganas
e ilusión, intentar comprender polo que pode estar pasando o alumnado e
converter en realidade esa frase coa que comeza o texto da LOMCE: “o alumnado é
o centro e a razón de ser da educación”.
Cambiarías algo?
Se tivera que cambiar algo, ademais de asignarlle máis horas a esta
materia, sería incluír na batería de actividades que poñemos en práctica na
clase unha experiencia que considero que sería moi útil: simulacións de clase,
en distintas situacións (como reaccionarías ante x situación?) como o primeiro
día de clase, ante un grupo conflitivo, ante un grupo tímido e que non participe…
Para rematar, quero repetir que esta parte da materia foi unha moi boa
experiencia da que considero que aprendín moitísimo e que, entre outras cousas,
me sirve para afrontar as prácticas (e o que veña) con máis seguridade e
positivismo. Levo o maletín repleto de consellos e exemplos e douvos as grazas
por iso. Moitas grazas e ata sempre!



Moitas gracias polos teus comentarios. Penso que esta parte crítica, incluídas as partes positivas, como a materia con Carlos e a de psicoloxía, é algo que deberías facer chegar á coordinación do mestrado. A verdade é que eu casi non levo tido contacto con eles, xa que as reunións foron todas (dúas) o curso pasado e só para organizar horarios! Faremos o posible o curso próximo ara incorporar as vosas suxestións. Boa sorte!
ResponderEliminarMoitas gracias polos teus comentarios. Penso que esta parte crítica, incluídas as partes positivas, como a materia con Carlos e a de psicoloxía, é algo que deberías facer chegar á coordinación do mestrado. A verdade é que eu casi non levo tido contacto con eles, xa que as reunións foron todas (dúas) o curso pasado e só para organizar horarios! Faremos o posible o curso próximo ara incorporar as vosas suxestións. Boa sorte!
ResponderEliminar