Ola de novo, navegantes!
É día de despedidas. Como xa sabedes, esta foi a derradeira sesión con Carlos
Valcárcel, na que tratamos o tema da avaliación. Pois ben, vou publicar unha
entrada un tanto diferente, xa que no canto de realizar un resumo e reflexión
sobre a sesión completa, vou incluír un comentario centrado nun único aspecto:
na autoavaliación. Proporei distintas maneiras de facela, centrándome nunha. Ademais,
farei unha breve reflexión a modo de autoavalicación sobre o meu paso polo
Mestrado ao longo destes meses. Queredes continuar lendo? Adiante!
Cales son as principais características da autoavaliación?
A autoavaliación é un tipo
de avaliación realizada polo propio estudante, de maneira individual ou en
grupo, que ten como obxectivo verificar a propia aprendizaxe, identificar
aspectos de mellora, estratexias de aprendizaxe, os aspectos que resultaron
máis fáciles /difíciles, os que máis/menos gustaron, etc. Pode facerse en
distintos momentos do curso e presentarse en diversos formatos.
Como se pode facer a autoavaliación?
Como mencionei
anteriormente, este tipo de avaliación pode presentarse en distintos formatos,
entre os que deberemos elixir segundo o que precisemos ou segundo as
necesidades do alumnado. Por exemplo, pode consistir en responder as preguntas
dun test, responder preguntas abertas, redactar unha reflexión, asignar notas
numéricas a distintos aspectos que se deban avaliar, elaborar unha nube de
palabras, debuxar o que nos suxire algún aspecto do curso, elixir unha canción
coa que se poda relacionar ou comparar a experiencia, facer un son que describa
a experiencia, elixir unha cita célebre coa que se poda relacionar ou algún
aspecto concreto da mesma e un longo etcétera. Como podedes ver, o límite
márcao a vosa imaxinación.
Vexamos un exemplo
Desde o meu punto de vista,
sería recomendable deixar espazo para a creatividade do alumnado tamén á hora
de facer a súa autoavaliación, pero creo que na ESO e no Bacharelato non estaría
de máis prestarlle unha axuda. Ante todo, hai que saber adaptarse ao tipo de
grupo co que traballemos: se non lles gusta debuxar ou lles da moita vergoña
expresarse en público, decantarémonos máis cara a palabra escrita, xa que o que
precisamos e o que eles precisarán será expresarse. Así mesmo, por todos é
sabido que existe un terror xeneralizado ás follas en branco. Polo que o que
propoño é que, no canto de pedirlles aos alumnos unha reflexión persoal da nada,
lles deamos unhas pautas para guialos un pouco. Entre outros, poderían ser
preguntas sobre o que se debería incluír ou un exemplo de resposta.
A continuación podedes ver
un exemplo de ficha para facer unha autoavaliación individual ou grupal. Como a
usaría eu? Nunha das últimas sesións do ano académico, pediríalle ao alumnado
(individualmente, en pequenos grupos ou ao gran grupo en xeral) que completase
a ficha con palabras, debuxos, frases, esquemas ou o que mellor se adaptase ao propio
grupo-aula. No caso de empregalo de xeito individual, cada alumno disporía dun
Din-A4, sería un Din-A3 no caso de pequenos grupos e, para o grupo-aula ao
completo, utilizariamos o encerado ou un gran anaco de papel continuo.
![]() |
| (Image: We Collaborate) |
O meu paso polo Mestrado
O 25 de xaneiro comezamos a nosa travesía polos mares da didáctica, pero xa
levabamos meses coa docencia do Mestrado. Lembro as primeiras impresións e as
expectativas que tiña con respecto a esta materia (aquí podedes acceder á primeira
entrada de Diario). Algunhas respostas fóronse solucionando a medida que
avanzaban as semanas e foron xurdindo outras cuestións e inquedanzas, como
podedes comprobar na entrada
do 15 de febreiro. Chegados a este punto, podo botar a vista atrás e dicir
con seguridade que foi a materia máis útil e na que máis aprendemos desde que
comezamos en outubro. O blog resultou ser unha boa ferramenta para avaliar o proceso de aprendizaxe, aínda que coa cantidade de sesións e horas por semana que tivemos, supuxo unha gran carga de traballo. Botei en falta as enquisas de calidade que antes se
facían sobre cada profesor, pero supoño que botarei man do sistema de queixas suxestións
e parabéns da Universidade de Vigo para expresar a miña opinión ao respecto. Foi unha boa experiencia.
Navegantes, que vos pareceu
a proposta para a autoavaliación? Tivestes a oportunidade de poñer algún
sistema de autoavaliación en práctica? Como sabedes, aquí remata a parte de
Carlos, pero quedan un par de entradas máis. Vémonos pronto!


No hay comentarios:
Publicar un comentario