1 de febrero de 2016

Querido diario: Termos e conceptos sobre linguas (27.01.16)

Ahoy, navegantes!

Hoxe tráiovos unha nova entrada do Diario, que trata sobre os contidos da segunda sesión de “Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras”. Nesta publicación resumirei a sesión e os principais termos e conceptos tratados nela, farei unha pequena reflexión sobre un aspecto que chamou a miña atención e incluirei un breve comentario sobre a evolución dos portfolios.



Resumo da sesión e dos termos e conceptos sobre linguas

A tarde comezou cunha actividade de aula para ir espertando e activando as nosas mentes dun xeito dinámico e ameno, ao mesmo tempo que iamos pensando e recompilando os nosos coñecementos previos sobre algunhas das ideas ao redor das cales xiraría a sesión. Dito exercicio de debate tratou sobre “lingua materna” e “lingua estranxeira” e aparece explicado no Dossier do 27 de xaneiro.

Neste punto, vexo necesario mencionar que en didáctica de linguas non se adoita empregar o concepto de “lingua materna” xa que, como se explica no Diccionario de términos clave de ELE, pode dar pé a confusión e ambigüidade. Entón, a que nos referimos con “lingua materna”? É a lingua que se aprende da nai? E se só se vive co pai? A lingua que se emprega de xeito habitual no entorno familiar? Ou é a primeira lingua que un aprende e que condiciona a súa visión do mundo? Acaso é a lingua que un elixe de forma preferente? Ou se cadra é a lingua que un sinte como propia? Moitas preguntas que foron recibindo distintas respostas ao longo da historia, a medida que evolucionaron as metodoloxías de didáctica de linguas, como se detalla na definición de dito dicionario.

A continuación do debate, sen tempo suficiente para tratar tódolos temas que este suscitou, pasamos a ver cales son as distintas situacións de ensino das linguas, que inflúen directamente nas metodoloxías didácticas empregadas (por exemplo: non se debería traballar do mesmo xeito unha lingua inicial e unha lingua estranxeira). Comezamos por ver os termos máis aceptados na actualidade para referirnos aos idiomas: no canto de “lingua materna”, lingua inicial ou L1 (primeira que se aprende antes da etapa escolar), logo estaría a lingua segunda ambiental ou L2 ambiental (diferente da L1, pero adquirida ao mesmo tempo e de maneira pasiva debido ao contacto cunha comunidade de falantes determinada) e lingua segunda estranxeira ou L2 estranxeira (adquirida conscientemente nun contexto de aprendizaxe formal).

Seguindo co resumo da sesión, incluirei unha lista con seis conceptos básicos sobre as linguas, o seu coñecemento e uso:
  • Lingua habitual: a utilizada polo falante na maioría de contextos comunicativos.
  • Lingua de traballo: escollida por multinacionais u organismos internacionais para comunicarse.
  • Lingua vehicular: elixida por un grupo de falantes de distintas linguas para comunicarse.
  • Repertorio lingüístico: conxunto de elementos lingüísticos (palabras, estruturas, fonemas, rexistros, variedades lingüísticas, etc.) coñecidos por un falante que lle permiten adaptarse a distintos contextos e situacións.
  • Comunidade lingüística: comunidade de falantes que comparten un mesmo repertorio lingüístico de base.
  • Comunidade de lingua: comunidade de falantes que comparten o coñecemento e uso dunha mesma lingua ou variedade lingüística.
Unha vez vistos estes conceptos, podemos dicir que o noso obxectivo como docentes de linguas consistiría en facilitar a inclusión do alumnado nunha comunidade de lingua (da lingua meta) e ampliar o seu repertorio lingüístico o máximo posible. Ademais, sería o noso deber adaptar as metodoloxías segundo o tipo de lingua, porque, como dixen anteriormente, non é o mesmo estudar a L1 que unha L2 estranxeira.

Que é o francés para min? 

Ao longo desta sesión xurdiron moitos temas interesantes sobre os cales pararse a pensar. Pola miña parte, centrarei a reflexión no papel que xogou e xoga o francés na miña historia ata a actualidade, valéndome dos termos empregados.                                               


Desde pequena o francés estivo presente no meu día a día. Aínda que os meus pais son ambos galegos, a miña nai estudou francés e sempre tivo un gusto especial polo idioma, a música e outros aspectos da cultura francesa. Lembro contos, poemas e moitas das cancións que ela me ensinou e que seguimos cantando de cando en vez a día de hoxe. Por este motivo, podería dicir que o francés comezou sendo para min unha L2 ambiental (non a considero estranxeira, porque non a estaba aprendendo nun contexto de aprendizaxe formal).


Xa en quinto de primaria, apareceu na miña vida a materia de francés, da que non me desprendería durante toda a secundaria nin ao longo dos meus estudos universitarios. A miña exposición á lingua foi aumentando e ademais da miña nai entraron en escena outras personaxes que a falaban e con quen podía falala ou practicala: profesoras, unha amiga por correspondencia, películas, lecturas e cancións en francés. Tamén chegou a miña primeira viaxe a Francia. Neste momento continuaba a ser una L2 ambiental, aínda que cun maior peso do que tiña antes.

                                               
No terceiro ano de carreira tiven a sorte de ir de Erasmus á parte francófona de Bélxica. Como podedes imaxinar, o meu repertorio lingüístico aumentou de xeito exponencial, o papel do idioma medrou e pasou a ser ademais, xunto co inglés, lingua vehicular de comunicación entre o grupo de estudantes internacionais. O francés non é para min unha lingua habitual de uso, pero poderíase dicir que se converteu na lingua habitual de uso con falantes francófonos, xa que sen ter que negocialo (como acontece coas linguas vehiculares), utilizabamos a súa lingua inicial para comunicarnos en calquera tipo de contexto ou situación.
                                               
Ao rematar o ano académico e retornar á casa, o papel do francés foi indo a menos. Nalgunha ocasión participei en proxectos internacionais nos que puiden utilizar a lingua. Cando traballei como tradutora para unha axencia, nalgunhas ocasións tiven ao francés como lingua de traballo. Con todo, continúa sendo unha L2 ambiental, xa que sigo a falar con amigos e amigas francófonas, vexo películas e outro tipo de material audiovisual en francés e sigo lendo artigos periodísticos.

                                               
Como conclusión a este repaso, gustaríame salientar que o papel das linguas pode cambiar segundo o momento, o contexto que nos rodee, as nosas propias accións, independentemente do país no que se viva. Incluso en España o francés pode ser máis ca unha L2 estranxeira.

Como evolucionan os porfolios?

A experiencia de utilizar o blog como único instrumento de avaliación está sendo positiva. Tiña as miñas dúbidas, pero a participación entre clases é moi enriquecedora. É certo que só levamos unha semana e hai algúns aspectos que se poden (e deben) mellorar, como por exemplo, o foro de Faitic. Do xeito no que está “organizado”, resulta caótico, incómodo e incluso desmotivador. Tódalas publicacións, comentarios das compañeiras e respostas a comentarios vanse facendo nun mesmo fío que só cambia semanalmente. O resultado é un maremágnum de comentarios mesturados.

A miña proposta para melloralo, que coincide coa idea doutras compañeiras, consiste en crear un fío para cada alumna, no que se vaian compartindo enlaces a entradas e comentarios a ditas publicacións. Teño a seguridade de que entre todos atoparemos unha boa solución para o tema dos comentarios. De feito, penso que esta situación de desaxuste tamén resulta positiva de cara ao mestrado, como exemplo de flexibilidade nalgúns aspectos da planificación.

Resultouvos útil a entrada? Que papel xoga o francés nas vosas vidas? Como vos sentides coa evolución dos portfolios? Compartide as vosas opinións, experiencias e comentarios no foro de faitic, navegantes. Ata a próxima!

No hay comentarios:

Publicar un comentario