15 de marzo de 2016

Querido diario: O CLIL é ou non é factible? (03.03.16)

Saúdos, navegantes!

Velaquí a entrada a penúltima entrada do blog, que consistirá nun comentario acerca da parte da sesión na que estivemos con Ana Fontenla. En concreto, tratará sobre a metodoloxía CLIL ou AICLE. A que fai referencia o termo CLIL? En que consiste? Que problemas e vantaxes pode presentar? Continuade lendo para coñecer a miña opinión.


Que entendemos por CLIL ou AICLE?

O termo CLIL (Content and Language Integrated Learning) ou AICLE en castelán e galego (Aprendizaxe Integrado de Contidos e Linguas Estranxeiras) fai referencia a unha metodoloxía que busca o emprego da L.E. como principal lingua vehicular no proceso de ensino e aprendizaxe de todas ou parte das materias dun curso. Deste xeito, o estudantado poderá aprender os contidos da materia e, ao mesmo tempo, aprenderá, mellorará ou perfeccionará o uso da lingua estranxeira en cuestión. Dito noutras palabras, trátase dun enfoque pluriglingüe da educación no que se combinan metodoloxías diversas centradas en dous aspectos: no contido e na lingua da instrución. O que se pretende con dito método é acadar altos niveis de destreza na lingua, por utilizala a cotío en situacións reais, e tamén altos niveis de aprendizaxe dos contidos da materia. Poñamos un exemplo, se a clase de ciencias naturais se imparte en inglés, por ser a lingua franca neste campo actualmente, á vez que se acadan os obxectivos da materia, traballarase con textos e estruturas propias da ciencia es inglés, ampliarase o vocabulario coñecido na lingua meta, etc.

Consiste simplemente en impartir unha materia noutra lingua?

Pois, aínda que tiña as miñas dúbidas, a verdade é que non. Contrariamente ao que se adoita pensar, a metodoloxía CLIL inclúe varias dimensións e poñela en práctica é máis complexo que impartir unha clase que non é de idioma nunha lingua diferente. Este modelo de ensino-aprendizaxe ten un enfoque globalizador e integrador caracterizado pola flexibilidade e por dar un maior peso aos contidos da materia cás destrezas do alumnado na lingua estranxeira. De acordo coas propostas do método CLIL, a fluidez é máis importante cá precisión gramatical e lingüística, para favorecer a confianza do alumnado e o seu medo a practicar as destrezas produtivas. De tódolos xeitos, opino que nunca se deberían permitir demasiados erros, xa que poderían levar á falta de comprensión e a asentar malos hábitos no emprego da lingua estranxeira.

Para verificar esa complexidade do método, realicei unha busca en internet para atopar unha fonte fiable que me servise para profundizar algo máis no tema e ampliar a información da sesión. Resulta que dentro do CLIL inclúense cinco dimensións, que demostran que ademais de plurilingüismo nas aulas, desde o meu punto de vista tamén se traballará coa pluriculturalidade desde unha visión centrada na Unión Europea. Ditas dimensións están explicadas no documento da Xunta do que extraín a información ao que podedes acceder facendo clic aquí:


  • 1. Dimensión “cultura”: trabállase con coñecementos, habilidades e contextos interculturais.
  • 2. Dimensión “contorno”: prepárase ao alumnado para a internacionalización e a integración na Unión Europea, mellorando o perfil educativo e accedendo á certificación internacional.
  • 3. Dimensión “lingua”: mellórase a competencia global tanto da lingua estranxeira coma da lingua materna e desenvólvense intereses e actitudes plurilingües.
  • 4. Dimensión "contido”: auméntanse os contidos das materias desde distintos enfoques, accédese á terminoloxía noutra lingua e prepárase ao alumnado para o mundo laboral.
  • 5. Dimensión “aprendizaxe”: compleméntanse as competencias e coñecementos individuais, diversifícanse os métodos e aumenta a motivación.

É factible implantalo en tódolos centros de secundaria na actualidade?

Por unha banda, desde a Xunta de Galicia (e como podedes imaxinar é unha postura compartida polo xeral por tódalas administracións estatais) preséntanse varios puntos a favor de implantar esta metodoloxía nos centros e que poden animar a profesores e alumnos. Defenden que é moi completa, xa que engloba unha dimensión cultural, cognitiva e de mellora dos centros educativos. Explícase que CLIL pode supoñer un aliciente tamén para os docentes, debido a que é un proxecto innovador que lles permite utilizar as TIC e ampliar a súa formación.

Pero por outra, desde a miña perspectiva, só con ánimos por parte da administración non é suficiente. Debémonos preguntar se sería realmente factible. Primeiro, hai que ser conscientes das principais trabas a este proxecto: existe unha falta de recursos económicos e de formación entre o profesorado para impartir as súas materias nunha lingua estranxeira. O nivel de lingua que se esixe, desde o meu punto de vista, non garante que os docentes sexan competentes no idioma, o que podería traer consecuencias negativas para o alumnado e unha sobrecarga de traballo para o docente da L.E. que participe no programa.  Por este motivo deberíase investir unha gran cantidade de cartos nun programa completo de formación que incluíse non só a formación lingüística do corpo de docentes, senón tamén pedagóxica, para adaptarse ao novo método e ser quen de levalo a cabo correctamente.

Con todo, non deixo de facerme unha pregunta: ¿Sería posible implantalo na secundaria se se contase con docentes ben formados? Persoalmente creo que non sería sinxelo, xa que non é iso o único que falla. O primeiro sería estar motivados. E logo, a maneira de que funcionase verdadeiramente, sería que os alumnos chegasen da educación primaria cun bo nivel de base na lingua estranxeira. Se cadra o máis adecuado sería implantar progresivamente a metodoloxía CLIL na etapa da Primaria e, cando se notase unha melloría nos alumnos (e non antes), trasladar ese modelo de ensino-aprendizaxe tamén á Secundaria. Ademais, opino que se deberían de introducir outras medidas, encadradas nunha reforma máis ampla, que permitan o éxito do método CLIL, como por exemplo: aumentar o número de horas da materia de lingua estranxeira, equipar correctamente tódolos centros ou cambiar o enfoque da ensinanza de idiomas, deixando atrás o protagonismo que se lle dá ao estudo da gramática e traballando de maneira equilibrada e simultánea tódalas destrezas das linguas estranxeiras.

A verdade é que a miña opinión cambiou un pouco despois de que Ana Fontenla comentara con nós a súa experiencia coa sección bilingüe que hai no seu centro. Intentou deixar claro que a lingua non debe supoñer nunca un obstáculo para a aprendizaxe e que o feito de empregar esta metodoloxía non exclúe o emprego da lingua inicial na aula en certos casos. Algo que me parece moi importante, xa que está bastante estendida a idea de que o alumnado CLIL acaba por non aprender nin os contidos da materia en cuestión, nin a LE.

Xa para rematar, navegantes, gustaríame engadir que, aínda que teño expresado o meu descontento de cara ao pouco éxito xeral dos métodos utilizados ata agora en España para o ensino do inglés e outras linguas estranxeiras, teño a esperanza de que se dea un cambio no panorama nacional. A verdade é que confío nas novas fornadas de docentes, que na súa maioría viviron experiencias internacionais ou de inmersión lingüística, que coñecen e empregan acotío as TIC e que poden aportar un aire fresco e innovador ás aulas de idiomas dos nosos centros.

Un saúdo, navegantes e ata a próxima!



No hay comentarios:

Publicar un comentario