Saúdos, navegantes!
Velaquí a entrada na que se lembrará como foi a sesión do 1 de febreiro, que dividirei en dúas partes, nas que veremos as principais cuestións que se trataron, a miña opinión ao respecto e unha introdución a un posible debate sobre os erros, o seu tratamento na aula e a actitude que debemos afrontar de cara a eles ao longo da nosa vida.
Primeira parte
Como fixemos en días anteriores, a primeira parte da sesión comezou cunha actividade grupal, para ir activándonos, para poñer en marcha o cerebro e para centrarnos no tema co que traballariamos o resto do día: os factores que inflúen no ensino-aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Como podedes imaxinar, esta e as demais actividades que realizamos están explicadas polo miúdo na correspondente entrada de Dossier.
A conclusión inicial á que chegamos neste día foi que o tipo de didáctica e as metodoloxías aplicadas para o ensino e aprendizaxe das linguas dependerán sempre do contexto de aprendizaxe. Porque unha clase de lingua estranxeira debería adaptarse ás distintas situacións de ensino e ás súas variables, que son as características do alumnado, as características do centro e as necesidades e obxectivos do alumnado. Algo que, desde o meu punto de vista, debería ser obvio, a pesar de que non sempre funciona así. Creo que case todos coñecemos algunha academia de idiomas ou colexio privado no que se vanglorian de contar con profesores nativos que ensinan a lingua meta con técnicas da didáctica dunha L1, por exemplo, ensinan inglés a rapaces galegos usando técnicas da lingua inglesa como lingua inicial (como se lle ensinaría a un británico, por exemplo), no canto de ensinala como lingua estranxeira.
Na clase de hoxe tan só tivemos tempo de tratar os factores da idade e da lingua inicial do alumnado e comezamos a ver as características dos centros, polo tanto, deixamos o resto para as seguintes sesións (que aparecerá na seguinte entrada de Diario). Con respecto á idade cómpre salientar que é un dos factores que máis inflúe na aprendizaxe de linguas, xa que as características psicolóxicas como o distinto grao de maturidade, de desenvolvemento cognitivo e a distinta capacidade de análise, reflexión e formalización inflúen claramente na capacidade cognitiva das persoas. Podemos comprobar a importancia que lle dá a sociedade á idade no entorno de aprendizaxe se nos fixamos en que o sistema educativo está organizado en ciclos por idade. Para afondar máis nesta realidade e comprender de que xeito aprendemos, Carlos Valcárcel explicounos que existen distintas etapas desde a infancia ata chegar a ser adultos nas que as características e capacidades van evolucionando. Esta ilustración que veredes a continuación é unha infografía coas distintas etapas:
Gustaríame comentar algúns dos puntos que máis me chamaron a atención ao respecto das etapas. O primeiro que destaca é a nomenclatura de cada fase, que é bastante transparente e directa, sobre todo a de ”limiar fatídico” (que ata mete medo). Non debemos deixarnos amedrentar por ese nome, xa que aínda que resulte algo máis complicado, creo firmemente que calquera idade é boa para aprender un idioma. Logo, cando nos fixamos nalgunhas das características de cada etapa podemos ver que a medida que se vai medrando, vaise reconfigurando o noso corpo e o noso cerebro, tanto a nivel físico como intelectual. Perdemos unhas capacidades e gañamos outras. Sorprendeume o feito de que esa facilidade que temos a idades temperás para percibir sons, entoacións e imitalos, se vaia perdendo e que a comprensión global das mensaxes se vaia trocando por un tratamento analítico da información e unha maior memoria.
O certo é que a adquisición dunha L.E. pasa por diversas etapas, coas que vai cambiando o tipo de contidos aprendidos ou adquiridos. Esta é unha realidade que sempre se debería ter en conta á hora de planificar unha materia de lingua estranxeira. A continuación podedes ver un cartel que resume as fase da adquisición da L.E.:
Que me pareceu esta primeira parte da sesión?
Estou moi de acordo coa necesidade de adaptar as clases non só ao ciclo ou nivel do que se trate, senón tamén a outras variables como a idade ou o tipo de alumnado, as necesidades e obxectivos do alumnado, o centro e os recursos dos que se dispón, o contexto social, etc. Por iso, é fundamental que falemos na clase sobre ditos factores para ser conscientes de que existen e que os comprendamos e, así, poder actuar en consecuencia no futuro. Non obstante, aínda que me resultou interesante coñecer as distintas etapas polas que pasamos, a evolución que atravesamos a medida que nos imos facendo maiores, considero que nos deberiamos ter centrado máis nos adolescentes e adultos, xa que, cando menos en principio, será con quen traballemos cando exerzamos como docentes ao rematar o mestrado.
Segunda parte: influencias entre linguas, interlingua e erros
A continuación, na segunda metade da sesión tratamos outro dos factores que inflúen na aprendizaxe das linguas estranxeiras, que tamén se enmarca dentro das características do alumnado: a influencia da L1 sobre a L2. A medida que imos medrando, a nosa lingua inicial vai adquirindo un papel principal que pode interferir coa lingua meta, xa que se vai convertendo nun filtro polo que debe pasar a L2. Como consecuencia do contacto entre as dúas linguas, prodúcense transferencias, que poden ser positivas (como vocabulario similar ou idéntico) ou negativas (como falsos amigos). Pero, que aspectos inflúen nas transferencias para ser positivas ou negativas? Principalmente, o tipo de lingua (poden ser aglutinantes, nas que a morfoloxía ten moita importancia, ou analíticas, con maior importancia da sintaxe), a familia lingüística (a un galego seralle máis doado aprender italiano, que tamén é unha lingua romance, ca inglés, que é unha lingua xermánica) e a distancia entre linguas (dentro da mesma familia lingüística, un galego terá máis facilidade en aprender portugués, ca francés, pola proximidade que existe entre linguas, non só física). Con todo, como docentes, deberíamos aproveitar as transferencias positivas que poden existir entre linguas e ser conscientes das negativas, para previr a fosilización de erros.
Xa cara o final da sesión explicóusenos o concepto de interlingua, que apareceu na década de 1970 (Selinker). Trátase dun sistema lingüístico que un estudante de L.E. vai construíndo de maneira progresiva, partindo desde a súa L1 e aproximándose cada vez máis a L2, ata que chega a aprender a lingua meta (aínda que existe a posibilidade de estancarse na interlingua). A que ilustración que se mostra á marxe explica onde se situaría a interlingua, como paso intermedio entre a lingua inicial e a lingua meta.
"Errare humanum est..."
Ao falar de interlingua é inevitable tocar o concepto de erro. Desde a miña perspectiva, na aprendizaxe de linguas, como en tódolos aspectos da vida, hai que visualizar os erros como unha parte positiva e indispensable da evolución e do progreso cara o perfeccionamento. Porén, a nosa sociedade crea un aura de negatividade e escuridade ao redor dos erros e as palabras que sempre os acompañan son “fracaso”, “fallo”, “incapacidade”, no canto de “comezo”, “intento”, “experiencia”… Como resultado desa influencia tan forte do ámbito social, pódense ver comprometidos o noso autoconcepto e a nosa autoestima, chegando a provocar en nós desmotivación, autoodio e medo a volver intentalo. Por iso, se pensamos na ensinanza de linguas e nos erros cometidos polos aprendentes, podemos percibir que é unha cuestión de máxima relevancia, xa que poderían ser a causa de desmotivación, bloqueos e incluso dun rexeitamento da lingua estudada. Polo tanto, considero que é moi importante a maneira de comunicárllelos ao alumnado, xa que debemos conseguir que eles e elas tamén os vexan como algo positivo e que non lles causen ansiedade nin os afasten do camiño da aprendizaxe. Pero, cal é a mellor maneira de facelo?
"Errare humanum est..."
Para rematar esta longa entrada do blog, vou falar dunha das partes que máis interesante me pareceu, que é o papel dos erros, o seu tratamento e a actitude que debemos afrontar de cara a eles ao longo da nosa vida e tamén dentro das aulas.
Na miña opinión, as formas son o máis importante. O primeiro paso debería consistir en que o propio docente visualice os erros como un punto de partida e así llo faga saber aos estudantes. Hai que comprender que o proceso de aprendizaxe pode implicar poñer un pé fóra da zona de confort, polo que a comprensión, a amabilidade e a proximidade no trato son esenciais para favorecer que o alumnado estea inmmerso nun ambiente de seguridade e confianza, no que se se sinta tranquilo cando apareza un erro.
Déixovos aquí un vídeo curto no que se explica o que é a interlingua e se relaciona coa cuestión dos erros. Cara os últimos segundos, a oradora formula unha pregunta que é a mesma que vos farei a vós: pensades que é mellor previr os erros ou deixar que os estudantes se equivoquen para analizalos a medida que vaian aparecendo? Que lles causará máis ansiedade?
Como afrontades vós os erros, navegantes? Queredes compartir con nós algún erro do que teñades aprendido algunha lección de vida? É mellor previr os erros ou deixar que os estudantes se equivoquen para analizalos a medida que vaian aparecendo? Que favorecerá máis a aprendizaxe dunha lingua?
Deixade os vosos comentarios no foro.
Deixade os vosos comentarios no foro.
Ata a próxima!

No hay comentarios:
Publicar un comentario