20 de febrero de 2016

Querido diario: Metodoloxías e reflexión sobre o mestrado (15.02.16)

Preparádevos para unha nova entrada, navegantes!

Hoxe tráiovos unha nova entrega do Diario, que trata sobre os contidos da sesión de “Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras” do 15 de febreiro. Primeiro, resumirei brevemente a sesión e, despois, incluirei unha breve reflexión sobre os contidos da materia. Queredes saber máis? Continuade lendo!

Esta foi unha clase completa e con bastantes actividades, que podedes consultar no Dossier do 15.02.16. Como xa sabedes, comezamos revisando os catro niveis de concreción curricular e relacionándoos con documentación variada que deberemos coñecer cando esteamos traballando nun centro de ensino. Despois, pasamos á parte central da sesión, que tratou sobre metodoloxías docentes para o ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras. Como poderedes lembrar, xa falei deste tema nunha entrada anterior á que podedes acceder facendo clic aquí. A continuación inclúo unha lista coas metodoloxías e os enfoques que vimos:

1 - Metodoloxía tradicional
2 - Metodoloxía directa
3 - Metodoloxía activa
4 - Metodoloxía Mao-Mav
5 - Metodoloxía Sgav
6 - Metodoloxía situacional inglesa
7 - Enfoque comunicativo
8 - Enfoque funcional-nocional
9 - Enfoque por tarefas

Malia que se trata dun tema que xa mencionaramos anteriormente na materia de “As linguas estranxeiras no contexto español e internacional”, esta vez, a perspectiva coa que afrontamos a sesión foi diferente. Con Carlos Valcárcel non só dimos teoría acerca da historia de cada metodoloxía e os principios de cada unha delas, senón que, como podedes ver na entrada de Dossier que mencionei antes, hoxe tivemos que analizar os contidos de algunhas unidades didácticas de varios métodos, o que nos permitiu comprobar como se aplican as distintas metodoloxías aos manuais para a ensinanza de linguas estranxeiras. Noutras palabras, hoxe vimos unha aplicación máis práctica das metodoloxías, aínda que sobre papel.

Desde o meu punto de vista, como futuras profesoras, debemos coñecer metodoloxías didácticas e ser capaces de recoñecelas e de diferenciar o enfoque dos manuais cos que traballaremos nas aulas. A maioría de nós non temos formación específica nestas cuestións e é a primeira vez que escoitamos falar delas. Independentemente do traballo posterior que realicemos de xeito individual para informarnos ao respecto, creo que se lle debería dar un papel de maior relevancia nesta materia.

Todas chegamos a este mestrado con expectativas e motivacións diferentes pero, persoalmente, eu esperaba adquirir coñecementos e actitudes de base que me deran a seguridade necesaria para asumir o rol de profesora e ser unha profesional competente. Para elo, imaxinaba que ademais de ver cuestións teóricas (fundamentais para a formación de profesorado) e de lexislación (que é algo que vai cambiando constantemente pero hai que coñecer), habería unha materia que sería o eixo central, a materia de didáctica, ademais dunha parte práctica en todas as outras materias, con simulacións de actuación na aula, moitos consellos e exemplos prácticos de distintas metodoloxías. En cambio, atopeime con que non hai parte práctica nas demais materias ou é case inexistente. Os anteriores profesores fartáronse de dicir que “iso xa o veredes en Didáctica”, polo que se foron deixando numerosos conceptos polo camiño. Hoxe polo dicir que é obvio que, aínda que teña máis créditos, non haberá tempo abondo para solucionar todas as preguntas que quedaron sen resposta.

Xa con respecto unicamente a esta materia, gustaríame dicir que creo que ao mellor poderíamos “aforrar” tempo se certas cuestións, como por exemplo os niveis de concreción curricular (Diario 15.02.16), os contextos de aprendizaxe de L.E. e as variables na situación do ensino (Dossier do 01.02.16) ou os termos que vimos o 27 de xaneiro (L1, L2 ambiental, L2 estranxeira, lingua vehicular, repertorio lingüístico, etc.), se incluísen noutras materias, coma en “Deseño Curricular e Organización de Centros Educativos” ou na materia “As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional". Deste xeito, teríamos máis tempo para ver polo miúdo outros aspectos exclusivos da materia de didáctica que xogan un papel fundamental no ensino-aprendizaxe dunha L.E. e que, se cadra, nos resultarán indispensables para ser boas profesionais.

Que opinades vós, navegantes? Estades conformes cos contidos vistos nesta materia? Estades de acordo coa miña opinión? Non esquezamos que aínda quedan dúas semanas de clase, nas que seguramente cheguemos a entrever o Santo Grial da docencia.
Ánimo a todas e todos e ata pronto!

No hay comentarios:

Publicar un comentario