Izade as velas, navegantes!
Coa clase de hoxe chegou unha nova brisa que debemos aproveitar para seguir
avanzado na nosa viaxe polos mares da ensinanza de linguas. Tivemos a nosa
primeira sesión con Luz Valencia, unha dos catro docentes que imparten a
materia de Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Existe só un xeito
de ensinar idiomas? Que tipo de docente serei nun futuro? Podedes ver a miña
opinión nesta entrada.
Esta primeira sesión foi unha boa carta de presentación para a nova
profesora. Trouxo con ela unha brisa de aire fresco, que aportou a tan ansiada
parte práctica que todas estabamos agardando, acompañada dun toque de dinamismo
na aula. Diría que foi unha boa mostra de que hai máis dunha maneira de facer
as cousas e, tamén, de que hai máis dunha maneira de ensinar idiomas. Nas catro
horas de sesión, saíron á conversa varios temas para desenvolver, pero nesta
entrada vou plasmar unha reflexión persoal sobre tipos de docente e o emprego
de dinámicas da aprendizaxe non formal no ensino de L.E.
Por unha banda, hai quen di que nun futuro tenderemos irremediablemente a
imitar os profesores cos que nos fomos topando ao longo da nosa formación, o
cal incluiría, entre outros aspectos, os seus métodos e o seu estilo de trato
de cara ao estudantado. Persoalmente, comprendo que pode ser máis sinxelo
axustarse aos modelos de docente que xa coñecemos pero, se boto a vista atrás e
penso en tódolos profesores que pasaron pola miña vida, non me faría ningunha
graza que esa afirmación fose totalmente certa. Mestras que baseaban a súa
clase no ditado dos contidos, en subliñar a materia que debiamos memorizar, en clases
en silencio absoluto, en castigos inútiles, en infinitas tarefas para facer na
casa... Isto último podería ser unha lista do que non facer nunha aula de
idiomas que podería ocupar unha entrada enteira do blog.
Por outra banda, non tódalas miñas experiencias foron tan negativas, tamén
tiven a sorte de atopar bos profesores aos que non me importaría tanto
parecerme, con vocación, que non esquecían nunca o sorriso na casa, nos que a
esixencia e a amabilidade estaban repartidas a partes iguais. Docentes que se
preocupaban na medida xusta polos seus alumnos, que nos axudaban a pensar e a
razoar por nós mesmos organizando debates, que nos ensinaban a pensar na
realidade que nos rodea grazas a actividades sobre temas controvertidos de
actualidade, que reorganizaban as mesas na aula para facernos sentir máis cómodos
e favorecer que nos axudaramos entre nós. Por iso, gústame pensar que cadaquén
pode decidir que tipo de docente ser, en quen quere inspirarse e, incluso, que
somos quen de escoller aquelas características que nos interesen de distintos
ensinantes e intentar conxugalas todas, dando como resultado unha especie de
colaxe de boas prácticas. Ese é o tipo de docente que quero ser nun futuro.
Esta sesión con Luz Valencia mostroume por primeira vez un exemplo real de que
é posible utilizar xogos e dinámicas típicas da aprendizaxe non formal nunha
clase de idiomas e que resulte un éxito. Iría máis aló e diría que non só é
posible, senón que é moi recomendable. A propia sesión foi un exemplo de uso
deste tipo de dinámicas para distintos fins: realizamos varios xogos/dinámicas
de presentación e coñecemento do alumnado, quecemento, activación de
vocabulario, cohesión de grupo, etc. Tamén se poden traballar as competencias
que marca a LOMCE con este tipo de estratexias, por exemplo, mediante a
dramatización ou xogos competitivos que permitan manexar vocabulario, cuestións
culturais, interacción entre alumnos, conversación, escoita activa e ao mesmo
tempo, que favorezan a creatividade.
Desde o meu punto de vista, aprender e xogar son dúas accións que van da
man. Como monitora de tempo libre, xa coñecía varios dos xogos/dinámicas que
realizamos con Luz, teño visto a reacción de mozos e mozas a ditas dinámicas,
escoitado as súas reflexións e comprobado o útiles que poden chegar a ser. Pero,
tiña as miñas dúbidas sobre a súa utilidade real nun aula de ensino formal. O
meu medo principal era que ao instalar ese esquema de funcionamento na clase os
alumnos puideran esquecer que están nun aula, menosprezar a autoridade do
docente, revolucionarse e dispersarse. Agora vexo que realmente non depende
tanto no que se faga na clase senón de como sexa a actitude do docente e do
ambiente que logremos crear. Sobre todo, diría que é fundamental aclarar desde
o primeiro día cal será o funcionamento das sesións e acordar unhas normas
básicas de convivencia. Pero ademais, considero que nunha clase de idiomas debe
respirarse confianza, respecto mutuo, amabilidade, seriedade… Esa podería ser a
clave para afastarse do modelo tradicional, para aplicar dinámicas que funcionen
e para que se lles saque o maior proveito posible.
Qué opinades vós, navegantes? Estamos condenados a
repetir o que fixeron os nosos docentes? Son as dinámicas e xogos unha boa
forma de aprender idiomas? Cal credes que é a clave para que as dinámicas
funcionen?
Ata pronto!
Ata pronto!

Non hai un UNICO modelo de profesor de idiomas competente, nin un só xeito de dar as clases ben, da mesma maneira que falamos de learning styles tamén temos que falar de teaching styles! Cada quen ten explotar as súas habilidades e puntos fortes: eu, por exemplo, non podeo nin dibuxar nin cantar, pero son bastante dramática á hora de relatar cousas, non teño medo a amosarme como son na aula. Teño unha compañeira que canta nun coro e con frecuencia pon aos seus alumnos a cantar. A túa experiencia como monitora de tempo libre vai ser preciosa! Sabes como facer que unha actividade funcione, coñeces as dinámicas de relacións entre nenos/adolescentes e unha morea de actividades que se poden usar na aula. Pero ten en conta unha cousa: o teu proósito principal é que aprendan,non que o pasen ben. Por suposto que aprenderán máis e mellor si o pasan ben, pero tampouco se trata de discurrir formas de telos entretidos sin un propósito didáctico claro.
ResponderEliminar