Xa estamos de volta, navegantes!
Tras un merecido descanso para poñer a punto a nosa embarcación, volvemos a
navegar. Con esta entrada comeza a segunda etapa da nosa travesía polos mares
da ensinanza de linguas. De agora en diante, tódalas publicacións farán
referencia á materia “Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras” e
poderán dividirse en dúas categorías (coas que vos debedes ir familiarizando), “Diario”
e “Dossier”, que explicarei nesta entrada.
Tal e como nos comentou Carlos
Valcárcel, un dos catro profesores que nos guiarán no segundo cuadrimestre,
nesta materia non se aplicará un sistema de avaliación tradicional (cun ou
varios exames para comprobar a cantidade de contidos que somos capaces de
memorizar), senón que se lle dará un papel principal á avaliación do noso
proceso de aprendizaxe, e non só dos propios resultados da aprendizaxe. Para
levar a cabo dita avaliación será fundamental contar con reflexións do alumnado
sobre as sesións, as actividades de aula realizadas e os temas tratados. E será
precisamente esa a función das vindeiras entradas deste blog.
Como estarán organizados os
contidos deste caderno de bitácora a partir de agora?
Tal e como adiantaba antes, existirán dous tipos de entradas e a maneira de
identificalas será mediante o emprego de etiquetas: Diario e Dossier. Nas
publicacións da categoría “Diario” incluirei resumos das sesións, notas e
reflexións sobre os contidos da materia de forma periódica; nas do “Dossier”,
comentarei as actividades de aula que iremos realizando a medida que avanza o
curso. Velaquí tedes un vídeo creado coa ferramenta Powtoon para explicar mellor o contido de
cada unha das seccións:
Non esquezamos que esta é a
primeira entrada do Diario
Pasemos a falar
máis en concreto da sesión do 25 de xaneiro: ¿Cómo decorreu a sesión? ¿Cómo se
presenta a nova materia?
Comezo por dicir que esta primeira sesión deixoume un bo sabor de boca. Pola miña escasa experiencia como profesora e pola falta de formación en didáctica de linguas, teño as miñas esperanzas postas nesta materia. Se cadra (dependendo de como avance co curso), permitirame adquirir as ferramentas necesarias para chegar a ser unha boa docente.
O primeiro que se fixo, como é obvio, foi a presentación da materia, do profesor Carlos Valcárcel, do resto do equipo docente que a imparte e das alumnas do grupo. Despois, mencionáronse os temas que trataremos ata o remate do módulo, explicouse como será a avaliación, especificáronse as porcentaxes que corresponderán a cada profesor, comentouse polo miúdo a rúbrica de avaliación do portfolio (que é este blog) e realizáronse dúas actividades bastante dinámicas das que falarei na seguinte entrada, que estará encadrada na categoría “Dossier”.
Creouse un debate interesante acerca da pertinencia do emprego do blog como
recurso educativo. Se ben é certo que é unha metodoloxía que require tempo e
esforzo por parte do alumnado e do profesorado e que implica un alto nivel de disciplina,
tamén se deben destacar as vantaxes que ofrece: en primeiro lugar, os blog permiten
avaliar non só os resultados de aprendizaxe, senón tamén o proceso de
aprendizaxe en si; ademais, favorecen o traballo e a aprendizaxe en comunidade,
á vez que dan pé á orixinalidade e á creatividade e, tamén, cómpre dicir que o
emprego das TIC supón un elemento motivador e estimulante. Na miña perspectiva,
só será realmente útil o emprego desta metodoloxía se se especifica desde o
primeiro momento que se espera exactamente do alumnado e se permite certa
liberdade no deseño e no tema das entradas. Para min, o que máis custa á hora
de preparar entradas para o blog é darlles un toque personalizado, xa que crear
materiais ou saírse da norma require tempo e esforzo e depende do estado
anímico e da inspiración que se teña no momento.
Para rematar, gustaríame engadir un breve comentario coa miña opinión
persoal sobre esta primeira sesión en xeral. Por unha banda, poderíamos dicir
que comezamos dando pasiños pequenos e, no canto de pasar deseguida a ver os contidos,
dedicámoslle as catro horas que durou aproximadamente a sesión só a facer as presentacións
e explicacións iniciais da materia. Non creo que sexa unha persoa impaciente,
pero o certo é que esperaba que nos mergullaramos un pouco máis nalgún dos
temas cos que traballaremos nos vindeiros días para descubrir, entre outras
cousas, cal será a metodoloxía de traballo na aula.
Pero por outra banda, a pesar de romper en certa medida os meus esquemas de
como adoita desenvolverse unha primeira sesión, resultou unha clase moi
dinámica, na que se favoreceu moito a participación e o traballo en equipo, dous
aspectos que considero enormemente positivos e case imprescindibles para aumentar
a motivación do alumnado. Tamén apreciei o feito de que cuestións coma o tempo
de descanso ou a propia rúbrica de avaliación estiveran abertas a debate, cando
o máis habitual é que sexan impostas por parte do profesor. Con respecto a isto
último, debo dicir que desde o meu punto de vista, é fundamental que exista
posibilidade de diálogo co profesorado para chegar a acordos (sobre horarios,
datas, actitudes, etc.), que o alumnado teña voz, que participe de maneira
activa no establecemento das normas da aula e que sinta que a súa opinión se
ten en conta.
Como conclusión, considero que a sesión do día 25 de xaneiro, ademais de
para presentar a materia, o profesorado e o sistema de avaliación, serviu para
coñecer un pouco máis ás compañeiras e para crear un clima favorable para a aprendizaxe.
O compañeirismo e o diálogo foron dous dos elementos que entraron en escena
grazas aos debates levados a cabo e que, para servos sincera, espero que
continúen a ter un papel protagonista ata o remate do curso.
Que pensades vós, navegantes? Estades a favor ou en contra do uso do blog con fins educativos? Que vos pareceu a primeira sesión da materia? Como ben sabedes, este é un espazo para a reflexión no
que poden ter lugar debates. Non dubidedes en deixar un comentario para
compartir a vosa opinión ao respecto desta ou de calquera outra entrada. Estarei encantada de respondervos.

A-hoy!
ResponderEliminarRelájate un poco con los recursos visuales que nos haces quedar más a las demás, jajaja.
Respecto al blog... Es una cosa que no acaba de convencerme, pero yo creo que es porque de mayor seré unha vella anti tecnoloxía, coma as de agora. Sé que mi profesora de Inglés del colegio usa un blog y,la verdad, el uso que le da es muy útil para los estudiantes y los padres. Pero eso es porque ella es muy organizada, muy innovadora, y sabe enfocarlo de la manera correcta. Yo, de momento, soy un poco torpe.