26 de enero de 2016

Querido diario: Comezamos unha nova etapa! (25.01.16)

Xa estamos de volta, navegantes!

Tras un merecido descanso para poñer a punto a nosa embarcación, volvemos a navegar. Con esta entrada comeza a segunda etapa da nosa travesía polos mares da ensinanza de linguas. De agora en diante, tódalas publicacións farán referencia á materia “Didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras” e poderán dividirse en dúas categorías (coas que vos debedes ir familiarizando), “Diario” e “Dossier”, que explicarei nesta entrada.


Tal e como nos comentou Carlos Valcárcel, un dos catro profesores que nos guiarán no segundo cuadrimestre, nesta materia non se aplicará un sistema de avaliación tradicional (cun ou varios exames para comprobar a cantidade de contidos que somos capaces de memorizar), senón que se lle dará un papel principal á avaliación do noso proceso de aprendizaxe, e non só dos propios resultados da aprendizaxe. Para levar a cabo dita avaliación será fundamental contar con reflexións do alumnado sobre as sesións, as actividades de aula realizadas e os temas tratados. E será precisamente esa a función das vindeiras entradas deste blog.

Como estarán organizados os contidos deste caderno de bitácora a partir de agora?

Tal e como adiantaba antes, existirán dous tipos de entradas e a maneira de identificalas será mediante o emprego de etiquetas: Diario e Dossier. Nas publicacións da categoría “Diario” incluirei resumos das sesións, notas e reflexións sobre os contidos da materia de forma periódica; nas do “Dossier”, comentarei as actividades de aula que iremos realizando a medida que avanza o curso. Velaquí tedes un vídeo creado coa ferramenta Powtoon para explicar mellor o contido de cada unha das seccións:

   

Non esquezamos que esta é a primeira entrada do Diario

Pasemos a falar máis en concreto da sesión do 25 de xaneiro: ¿Cómo decorreu a sesión? ¿Cómo se presenta a nova materia?



Comezo por dicir que esta primeira sesión deixoume un bo sabor de boca. Pola miña escasa experiencia como profesora e pola falta de formación en didáctica de linguas, teño as miñas esperanzas postas nesta materia. Se cadra (dependendo de como avance co curso), permitirame adquirir as ferramentas necesarias para chegar a ser unha boa docente.

O primeiro que se fixo, como é obvio, foi a presentación da materia, do profesor Carlos Valcárcel, do resto do equipo docente que a imparte e das alumnas do grupo. Despois, mencionáronse os temas que trataremos ata o remate do módulo, explicouse como será a avaliación, especificáronse as porcentaxes que corresponderán a cada profesor, comentouse polo miúdo a rúbrica de avaliación do portfolio (que é este blog) e realizáronse dúas actividades bastante dinámicas das que falarei na seguinte entrada, que estará encadrada na categoría “Dossier”. 


Creouse un debate interesante acerca da pertinencia do emprego do blog como recurso educativo. Se ben é certo que é unha metodoloxía que require tempo e esforzo por parte do alumnado e do profesorado e que implica un alto nivel de disciplina, tamén se deben destacar as vantaxes que ofrece: en primeiro lugar, os blog permiten avaliar non só os resultados de aprendizaxe, senón tamén o proceso de aprendizaxe en si; ademais, favorecen o traballo e a aprendizaxe en comunidade, á vez que dan pé á orixinalidade e á creatividade e, tamén, cómpre dicir que o emprego das TIC supón un elemento motivador e estimulante. Na miña perspectiva, só será realmente útil o emprego desta metodoloxía se se especifica desde o primeiro momento que se espera exactamente do alumnado e se permite certa liberdade no deseño e no tema das entradas. Para min, o que máis custa á hora de preparar entradas para o blog é darlles un toque personalizado, xa que crear materiais ou saírse da norma require tempo e esforzo e depende do estado anímico e da inspiración que se teña no momento.

Para rematar, gustaríame engadir un breve comentario coa miña opinión persoal sobre esta primeira sesión en xeral. Por unha banda, poderíamos dicir que comezamos dando pasiños pequenos e, no canto de pasar deseguida a ver os contidos, dedicámoslle as catro horas que durou aproximadamente a sesión só a facer as presentacións e explicacións iniciais da materia. Non creo que sexa unha persoa impaciente, pero o certo é que esperaba que nos mergullaramos un pouco máis nalgún dos temas cos que traballaremos nos vindeiros días para descubrir, entre outras cousas, cal será a metodoloxía de traballo na aula.

Pero por outra banda, a pesar de romper en certa medida os meus esquemas de como adoita desenvolverse unha primeira sesión, resultou unha clase moi dinámica, na que se favoreceu moito a participación e o traballo en equipo, dous aspectos que considero enormemente positivos e case imprescindibles para aumentar a motivación do alumnado. Tamén apreciei o feito de que cuestións coma o tempo de descanso ou a propia rúbrica de avaliación estiveran abertas a debate, cando o máis habitual é que sexan impostas por parte do profesor. Con respecto a isto último, debo dicir que desde o meu punto de vista, é fundamental que exista posibilidade de diálogo co profesorado para chegar a acordos (sobre horarios, datas, actitudes, etc.), que o alumnado teña voz, que participe de maneira activa no establecemento das normas da aula e que sinta que a súa opinión se ten en conta.

Como conclusión, considero que a sesión do día 25 de xaneiro, ademais de para presentar a materia, o profesorado e o sistema de avaliación, serviu para coñecer un pouco máis ás compañeiras e para crear un clima favorable para a aprendizaxe. O compañeirismo e o diálogo foron dous dos elementos que entraron en escena grazas aos debates levados a cabo e que, para servos sincera, espero que continúen a ter un papel protagonista ata o remate do curso.


Que pensades vós, navegantes? Estades a favor ou en contra do uso do blog con fins educativos? Que vos pareceu a primeira sesión da materia? Como ben sabedes, este é un espazo para a reflexión no que poden ter lugar debates. Non dubidedes en deixar un comentario para compartir a vosa opinión ao respecto desta ou de calquera outra entrada. Estarei encantada de respondervos. 

1 comentario:

  1. A-hoy!
    Relájate un poco con los recursos visuales que nos haces quedar más a las demás, jajaja.
    Respecto al blog... Es una cosa que no acaba de convencerme, pero yo creo que es porque de mayor seré unha vella anti tecnoloxía, coma as de agora. Sé que mi profesora de Inglés del colegio usa un blog y,la verdad, el uso que le da es muy útil para los estudiantes y los padres. Pero eso es porque ella es muy organizada, muy innovadora, y sabe enfocarlo de la manera correcta. Yo, de momento, soy un poco torpe.

    ResponderEliminar