12 de enero de 2016

TEMA 7 - Sétima reflexión: O ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras nos países da nosa contorna

Bo día navegantes!

Tráiovos una reflexión sobre o sétimo tema da materia As linguas estranxeiras no contexto español e internacional. Nesta sesión centrámonos principalmente no estudo do panorama do ensino-aprendizaxe de linguas estranxeiras nos países da nosa contorna e, tamén, analizamos cal é a posición de España con respecto á dos demais países europeos.

Se cadra, estarédesvos preguntando como é posible comparar eses datos? Pois ben, no noso caso empregamos como fontes dous documentos clave: o informe EECL (Estudio Europeo de Competencia Lingüística), realizado polo Instituto Nacional de Avaliación Educativa, e o informe Eurydice, pola Rede europea de información sobre Educación.



A que conclusións chegamos acerca da situación de España respecto ao resto de Europa?

En primeiro lugar, o informe EECL indica que somos o país, xunto coa rexión Alemá da Bélxica, no que a obrigatoriedade do estudio dunha primeira lingua estranxeira comeza a unha idade máis temperá, xa que se comeza aos 3 anos, fronte aos 6-7 anos no resto dos países. Así mesmo, somos un dos países onde se imparten un maior número de horas lectivas ao ano desta lingua. Cómpre sinalar que, dentro das destrezas estudadas da 1ª lingua estranxeira por dito informe (compresión oral e lectora e expresión escrita), mentres que a nivel europeo obtéñense os mellores resultados na compresión oral, en España, amosamos os mellores resultados na comprensión lectora e na expresión escrita, aínda que poderíamos dicir que seguen a estar por debaixo da media europea. Este feito é comprensible debido ao enfoque do noso sistema educativo centrado no estudo da gramática e dos textos escritos. Se ben, como xa se comentou, o estudo dunha primeira lingua estranxeira é obrigatorio, mais no noso país non se establece por lei cal deberá ser ese idioma, algo que non adoita ocorrer no resto de países estudados. Porén, tal e como sinala o informe Eurydice, a gran maioría dos alumnos e alumnas españois, o 90%, decántanse polo inglés.

Por que non obtemos bos resultados na primeira lingua estranxeira con tantas horas de estudo durante tantos anos? Sucede o mesmo no caso da segunda lingua estranxeira?

A pesar destes datos, o feito é que España non obtén bos resultados nas probas internacionais na primeira lingua. Non obstante, o caso da segunda lingua é ben diferente. No caso do francés, que segundo o informe Eurydice é a segunda lingua máis estudada no noso país, de maneira non obrigatoria, e á que se lle dedican menos horas de instrución, obtemos mellores resultados dos que a maioría de países logran na segunda lingua. Deberase á proximidade das lingüística? Ao feito de que sexa optativa? Sexa como sexa, o certo é que acabamos de identificar unha das problemáticas ás que se lle debería buscar solución desde o meu punto de vista.

Pensemos no modelo de Finlandia. Oh, Finlandia! Ese paraíso da educación! O país cuxo sistema de ensino-aprendizaxe se considera un modelo a seguir e que sempre acada os primeiros postos nos informes europeos. Pero, que teñen eles que non teñamos nós? Pois, queridos lectores, a verdade é que non só teñen unha concepción diferente da importancia da educación para o bo funcionamento do seu país e maior respecto de cara á profesión dos docentes, senón que ademais contan cunha chea de medidas que difiren do noso sistema.

Para empezar, a implicación da sociedade en xeral e dos pais en particular na educación dos seus fillos é o máis habitual, podendo dicir que case obrigatoria, xa que os docentes poden chegar a contactar cos servizos sociais se perciben que a educación dalgún estudante está descoidada polos seus pais. Pero as diferenzas van máis aló: a educación é totalmente gratuíta en Finlandia, incluíndo comedor, material e transporte escolar; o número máximo de alumnos por aula é de 24 alumnos, moito menor ao español, que se sitúa entre 30 e 36 segundo o curso do que esteamos a falar; en cada escola de Finlandia hai un gran número de profesores de apoio tanto para as aulas máis numerosas coma para os alumnos con necesidades de educación especiais, mentres que en España non hai profesores de apoio nos institutos; a porcentaxe de abandono escolar en Finlandia sitúase ao redor do 0,2%, fronte a un 30% no noso país. Estes son só algúns dos exemplos máis salientables, aínda que podería engadir algún máis, como a distinta división do horario lectivo para favorecer a participación activa do alumnado con sesións de 45 minutos e descansos de 15 minutos entre sesións, fronte aos 50 minutos das sesións españolas e un ou dous descansos en toda a mañá de 30 ou 15 minutos respectivamente.

Poderíamos introducir cambios no noso sistema que nos acheguen máis ao modelo finés?

Como acabamos de ver, as discrepancias entre o noso modelo de educación e o modelo finés van máis aló dun sistema de docencia distinto, xa que o que máis destaca son as diferenzas a nivel social. Desde a miña perspectiva si que se sería factible introducir cambios no noso sistema inspirados polo modelo de Finlandia que probablemente nos farían notar unha melloría, pero o máis difícil de levar a cabo sería modificar a visión xeneralizada que a sociedade ten da educación. Para min, algún dos puntos que se deberían ter en conta en España son a necesidade de aumentar a inversión en Educación para poder establecer a gratuidade  completa da escola, facilitar axudas a nivel laboral para permitir aos pais ser partícipes do proceso educativo dos seus fillos (permisos de paternidade máis longos, permisos para acudir a reunións cos profesores, etc.), permitir a participación activa do profesorado nas reformas educativas, establecer profesores de apoio tamén en institutos, entre outras.


Que opinades bos, navegantes? Vedes factibles estes cambios? Compartide a vosa opinión na sección de comentarios.

Un saúdo e ata a próxima! J

No hay comentarios:

Publicar un comentario