Ola de novo, navegantes!
Levamos xa varias semanas en alta mar, pero cada vez falta menos para
chegar ao noso destino. Hoxe quero compartir outro momento de reflexión con
vós. Esta vez tratará sobre o cuarto tema da materia As linguas estranxeiras no contexto español e internacional, impartido
polo profesor Gonzalo Constenla Bergueiro que leva por título: “O Deseño Curricular”.
Coñecendo o currículo e as competencias no marco
da LOMCE
Desde a miña perspectiva e tendo en conta a cantidade de tarefas
administrativas ou de burocracia que teñen que realizar os profesores de
secundaria, considero que como futura docente, o concepto de “currículo” é algo
que ten que quedar moi claro desde xa. Por currículo, de acordo co publicado no
Real Decreto 1105/2014, de 26 de decembro, faise referencia á regulación dos
elementos que determinan os procesos de ensino e aprendizaxe para cada una das
ensinanzas. Pero cales son eses elementos que debe regular segundo a LOMCE? Os
obxectivos de cada ensinanza e etapa educativa, os contidos, a metodoloxía
didáctica, os estándares de aprendizaxe avaliables, os criterios de avaliación
e tamén as competencias.
Unha vez aclarado o que é o currículo educativo, gustaríame centrar agora a
miña reflexión nun dos elementos que acabo de mencionar: as competencias. O
principal motivo que me leva a querer afondar máis na cuestión das competencias
é que cando eu estaba na etapa da secundaria, non se aplicaba o mesmo modelo. Destinarei
un breve espazo no blog para aclarar
un pouquiño o que son as competencias e como se poden aplicar nunha clase de
lingua estranxeira.
As competencias poderíanse definir segundo a mesma fonte citada
anteriormente (Real Decreto 1105/2014, de 26 de decembro) como as “capacidades para activar de
forma integrada os contidos propios de cada ensinanza e etapa educativa, para
lograr a realización adecuada de actividades e a resolución eficaz de problemas
complexos”. Todas elas contan con tres
dimensións, saber, saber facer e saber ser, polo que se pode dicir que fan
referencia non só a coñecer a teoría, senón tamén a ser que de poñela en
práctica e adquirir unha visión do mundo determinada que axude a comportarse en
sociedade. Segundo a lexislación educativa vixente, en total, as competencias
clave son sete: comunicación lingüística, competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, competencia dixital, aprender a aprender, competencias sociais e cívicas, sentido da iniciativa e espírito emprendedor, conciencia e expresións culturais. Se facedes clic en cada unha delas, teredes
acceso a infografías do Ministerio de Educación Cultura e Deporte que as
explican polo miúdo e dun xeito visual e sinxelo. A continuación engado una
imaxe que resume as competencias clave e que está enlazada coa sección da
páxina do Ministerio na que se amplía a información sobre as competencias
(facede clic nela se vos interesa, navegantes):
Pero que competencias se traballan en cada materia?
Tódalas materias deberán traballar as sete competencias clave, das cales se
potencian dúas, a competencia lingüística e a matemática e competencias básicas
en ciencia e tecnoloxía. Persoalmente, nun primeiro momento sorprendeume que
todas elas tivesen que estar incluídas en absolutamente tódalas materias do
curso e cheguei a dubidar que fose posible: como se traballa a competencia
lingüística en matemáticas? É posible incluír a competencia matemática na
materia de inglés?
A continuación e para rematar, veremos como si é posible integralas todas
en tódalas materias do currículo. Pensade que en clase de matemáticas estase a
traballar a competencia lingüística continuamente: a lingua ten un papel
fundamental nesta materia, xa que, por exemplo, é imprescindible comprender as
súas estruturas sintácticas para entender os razoamentos dos problemas e chegar
a solucionalos. Centrémonos agora na materia de primeira lingua estranxeira, que
é a que nos ocupa nesta especialidade do Mestrado, e vexamos algúns exemplos da
presenza das competencias na materia:
- Competencia en comunicación lingüística: non cabe dúbida de que esta será a que se traballará principalmente na materia de lingua estranxeira, xa que deberán aprender contidos teóricos da mesma (vocabulario, gramática…) e traballaranse destrezas receptivas e produtivas, favorecendo que o alumnado interactúe e dialogue.
- Competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía: pese a que parece difícil, no momento en que apliquen o razoamento matemático para falar de hipóteses utilizando os verbos modais, cando aprendan os números ou como dicir “sumar”, “restar”, “multiplicar”, cando traballen con textos sobre algún avance científico, cando deban converter euros a libras ou dólares ou cando estuden as formas xeométricas, xa estarán traballando esta competencia.
- Competencia dixital: se introducimos na clase o emprego das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) estaremos traballando esta competencia. Podemos atopar exemplos tan variados coma responder cuestionarios en liña, realizar actividades cos ordenadores coma webquests ou cazatesouros, buscar información na Internet valorando cuestións como a fiabilidade, elaborar presentacións con ferramentas audiovisuais como Power Point ou Prezi, entre outras.
- Aprender a aprender: nesta materia coma en tódalas demais, o alumnado poderá ser consciente da súa aprendizaxe con accións como a planificación e organización de traballos para entregar ou con encargos como responder a tests de autoavaliación de coñecementos, realizar reflexións sobre o aprendido nun portfolio de aprendizaxe (por exemplo), que os poden levar a determinar cal é o seu nivel e cales son as súas necesidades de cara a superar os obxectivos da materia.
- Competencias sociais e cívicas: que mellor maneira de aprender a relacionarse cos demais e respectar outras ideoloxías que realizando un debate? Os debates son, desde o meu punto de vista, a forma máis axeitada para aprender a convivir en sociedade, á vez que se debe respectar o código de quenda de palabra, amplíanse coñecementos variados. No marco dunha clase de inglés poderíanse traballar cuestións que atinxan aos países anglófonos, incluso comparándoas coa realidade española. Realizar simulacións teatralizadas sería outra boa maneira de que os alumnos e alumnas interactúen mentres usan a lingua estranxeira.
- Sentido da iniciativa e espírito emprendedor: Desde a miña visión, o nome desta competencia pode ser un bo sinónimo de “creatividade”, algo que o alumnado pode poñer en práctica na materia de lingua estranxeira se se lle encarga deseñar, planificar e levar a cabo un proxecto (sobre un aspecto cultural dun país anglófono, por exemplo).
- Conciencia e expresións culturais: estudar algunha cuestión relacionada con arte, pintura, literatura, música…na lingua meta. Poderíase encargar ao alumnado un traballo sobre a música actual nun país anglófono. Non creo que haxa debate con respecto á posibilidade de traballar esta competencia nunha clase de inglés, por exemplo, xa que está moi ligada ao estudo de linguas e aspectos culturais.
Resultouvos útil esta entrada, navegantes? Seguides tendo algunha dúbida de cómo inserir as
sete competencias en tódalas materias?


No hay comentarios:
Publicar un comentario