7 de enero de 2016

TEMA 2 - Segunda reflexión: A polémica LOMCE e o peso das linguas estranxeiras

Ola de novo, navegantes!

Velaquí está a reflexión sobre o segundo tema da materia As linguas estranxeiras no contexto español e internacional. Nesta sesión centrámonos principalmente no panorama nacional e, para ser máis concretos, tratamos o controvertido e apaixonante tema da LOMCE.
“O alumnado é o centro e a razón de ser da educación”, Lei Orgánica 8/2013,
 do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa
Tras varios borradores presentados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, como por exemplo os do 03/12/12 e do 17/05/13, aprobouse a Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, a LOMCE. Este documento non establece unha nova lei de educación propiamente dita, senón que modifica á anterior lei en vigor, a LOE (Lei Orgánica de Educación).

Os cambios do partido gobernante adoitan dar pé a cambios na lexislación do sistema educativo e, como ben saberedes, este é un deses temas que adoita suscitar debates. E aquí vai unha pregunta para vós, lectores: ¿coñecedes mellor remedio para rematar co aburrimento dun día calquera que un bo debate? Se algunha vez estades sós e aburridos, se estades na casa e non sabedes que facer ou se a viaxe en tren se vos fai pesada de máis, recoméndovos que collades o texto da LOMCE publicado no BOE e lle botedes unha ollada. É posible que en cuestión de minutos comecedes a esquecer o fastío e o troquedes por unhas gañas irrefreables de falar con alguén sobre o tema. 

¿Servirá realmente para mellorar as competencias clave? ¿Vai diminuír a discriminación nas escolas? ¿Que pasa coa educación en valores? ¿Respecta a premisa que se aparece na Constitución (artigo 16.3) de que “ningunha confesión terá carácter estatal” en España? ¿Cumprirá esta lei realmente as demandas da Unión Europea? ¿A división no cuarto curso é un acerto ou un erro? ¿De verdade promove a igualdade de oportunidades ou acabará sendo un elemento segregador? ¿Axudará a reducir o abandono escolar a costa dun deterioro do nivel de educación? 

É innegable que veñen á mente unha serie de preguntas para a reflexión que xa foron moi debatidas no terreo estatal, tanto por particulares, coma polos xornais, que foron un reflexo da polémica suscitada. Facendo clic nos seguintes nomes de diarios poderedes atopar unha gran cantidade de artigos relacionados: El Confidencial, La Razón, El País, El Mundo, La Voz de Galicia, El Diario, Lainformación.com y Faro de Vigo, entre outros exemplos.

A miña impresión ao ler o susodito texto é que a lei parte de premisas positivas e presenta algunhas ideas coas que estou moi de acordo e que considero enriquecedoras para o sistema educativo español. Porén, desde o meu punto de vista contén certas contradicións, resulta ambigua en cuestións moi relevantes e os obxectivos para algunhas materias serán difíciles de conseguir co número de horas que se propón. 

Gustaríame citar tres frases do preámbulo que transmiten un enfoque da educación moi esperanzadora e positiva: “o alumnado é o centro e a razón de ser da educación”; “a aprendizaxe na escola debe ir dirixida a formar persoas autónomas, críticas, con pensamento propio”; “as nosas persoas e os seus talentos son o máis valioso que temos como país”. Son as afirmacións propias dunha visión positiva sobre a que, en teoría, se constrúe o sistema educativo no marco desta lei. Saliéntase como fundamento da LOMCE a importancia do alumnado dentro do sistema, a necesidade de abordar as súas particularidades en canto a soños e talento persoais e, tamén, o papel da educación para fomentar o espírito crítico e a autonomía para tomar decisións. 

Non obstante, debo engadir que se lle presta unha especial atención ao factor económico, centrándose no modelo neoliberal, e á función da escola como vía para abrir portas no mercado laboral e no contexto da mobilidade europea e preparar para o traballo á cidadanía, parecendo que a educación debe estar ao servizo da economía. Se ben é certo que a realidade económica dos países é relevante, tamén é certo que non debe ser a base da educación. Isto, na miña perspectiva, iría en contra do que marca a Constitución no artigo 27.2, citado no propio preámbulo “a educación terá como obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto aos principios democráticos de convivencia e aos dereitos e liberdades fundamentais”; que non fai alusión á esfera económica con tanta relevancia como a lei para a mellora educativa.

No que atinxe máis concretamente ás linguas estranxeiras, debemos salientar que, se establece como obxectivo que cada estudante sexa quen de “comprender e expresarse nunha ou máis linguas estranxeiras de maneira apropiada”. Aínda que non se especifica cal é a que se considera “maneira apropiada”, é interesante que as materias de linguas adquiran ao fin un papel protagonista na educación, xa que considero que se adapta á realidade actual e responde ás necesidades do mundo globalizado no que vivimos. 

Tamén se debe ter en conta que, cando menos na teoría, esta lei fomenta o plurilingüismo, concepto do que xa falamos nunha entrada anterior, e a pluriculturalidade, mais non especifica de que xeito se debe levar a cabo. Isto adáptase en certo modo ao enfoque proposto na Unión Europea e, desde o meu punto de vista, de poñerse en práctica dun modo efectivo só podería ter repercusións positivas na sociedade. 

Para rematar e seguindo co fío dos debates, gustaríame que vós, navegantes, compartades este espazo de reflexión comigo e me comentedes cal é a vosa opinión ao respecto do papel das linguas: ¿Credes que se lles debe dar moito peso ás linguas estranxeiras na educación? ¿A LOMCE mellora nalgún aspecto a posición das materias de linguas? ¿Parécevos que se propuxeron suficientes medidas con respecto ás linguas ou opinades que se deberían ampliar para regular máis aló dunhas poucas materias, por exemplo, con proxectos plurilingües de carácter transversal?

No hay comentarios:

Publicar un comentario