«Se lle falas a unha persoa nunha lingua que entende, as palabras irán á súa cabeza;se lle falas na súa propia lingua, as palabras irán directas ao corazón.»
Nelson Mandela
Bo día,
navegantes!
Hoxe
publicarei una entrada algo diferente, xa que non se trata dunha ferramenta de
innovación docente, senón dun comentario sobre o significado de dous termos que
comentamos na clase de “As Linguas Estranxeiras no Contexto Español eInternacional”:
multilingüismo e plurilingüismo.
Preguntarédesvos que por
que elixín dedicar a primeira entrada sobre esta materia a falar destes termos?
Pois é doado de explicar, navegantes, porque opino que son palabras que tenden
a crear confusión e sobre as que podemos atopar un mare mágnum de información
na rede. Ademais, desde o punto dunha futura docente de linguas estranxeiras, é
importante esclarecer as realidades ás que fan referencia.
O Dicionario en liña da Real Academia Galega só recolle o
termo “plurilingüe”, definíndoo
coas seguintes acepcións:
1. Que fala varias linguas. Persoa
plurilingüe.
2. Que está escrito en varias linguas. Cancioneiro
plurilingüe. Dicionario plurilingüe.
Mentres que o dicionario en liña da Real Academia inclúe ambos termos, “plurilingüismo” e
“multilingüismo”, aínda que non fai ningunha distinción entre eles:
Non
obstante, a pesar do escaso peso que teñen estas dúas palabras nos dicionarios tanto
do galego coma do español, trátase de conceptos diferentes que é moi importante
coñecer, saber diferenciar e ter en conta de cara a un futuro profesional como
docente de linguas estranxeiras nun contexto de aprendizaxe non só español
senón tamén europeo.
Nas últimas décadas, desde o nacemento da Unión Europea, propiciouse a aparición dun entorno europeísta no que se da unha situación de convivencia constante entre as linguas e culturas dos distintos países membros. Cómpre mencionar que desde a Unión Europea dáselle especial importancia ao feito de que os cidadáns deberían dominar varias linguas. Ademais, no relativo á ensinanza amósase un enfoque de aprendizaxe permanente desde o plurilingüismo, polo que será esa a visión coa que nós, como futuros docentes, deberemos afrontar as sesións.
Cal é entón a diferenza?
Volvendo aos termos en si, por unha banda, unha posible definición (segundo o Consello de Europa) para multilingüismo sería a presenza de máis dunha lingua ou dialeto nun área xeográfica. Por outra, plurilingüismo é unha característica daqueles individuos que son quen de utilizar varias linguas: ademais dunha lingua materna, poden falar linguas estranxeiras. Por conseguinte, poderíamos dicir que o multilingüismo fai referencia á comunidade ou sociedade na que coexisten linguas, ao conxunto de individuos que coñecen e empregan distintas linguas. En contraposición, o plurilingüismo refírese ao individuo en si mesmo e á súa capacidade de comunicarse de maneira efectiva en distintas linguas. Dito doutro xeito, nunha zona multilingüe fálanse varios idiomas pero pode haber individuos plurilingües e monolingües.
Como se poderían trasladar ambos conceptos ao ámbito escolar?
Unha maneira de facer da escola un espazo multilingüe consistiría, por exemplo, en diversificar o número de linguas que se ofertan nos centros escolares, permitindo que o alumnado poida aprender distintos idiomas estranxeiros, mais é importante comprender que isto non sería suficiente para considerar que se crea un ambiente plurilingüe.. No caso do enfoque plurilingüe debería crearse inquietude polas linguas e favorecer o seu uso por parte do alumnado. Por exemplo, podería contarse con profesorado plurilingüe que sexa capaz de empregar varios idiomas e que propicie a interacción de varias linguas na aula, tamén podería propoñerse ao alumnado a creación de glosarios en varios idiomas ou o deseño de materiais gráficos en distintas linguas. Neste segundo escenario de plurilingüismo nas aulas, conseguiríase que o alumnado desenvolvese competencias comunicativas que lle permitirían comprender e facerse comprender en distintos medios internacionais.
Que opinades vós, navegantes?
De que outros xeitos se podería favorecer o plurilingüismo nas escolas?
De que outros xeitos se podería favorecer o plurilingüismo nas escolas?

No hay comentarios:
Publicar un comentario