10 de enero de 2016

TEMA 5 - Quinta reflexión: As programacións didácticas

Levade áncoras, navegantes, imos a polo tema 5!

Como ben saberedes a estas alturas, neste blog estou a compartir reflexións e comentarios acerca dos temas da materia As linguas estranxeiras no contexto español e internacional. Pois hoxe tócanos abordar o tema 5, titulado “As programacións didácticas vixentes”.


Nun curso con materias de tan pouca duración, a cantidade de termos que van aparecendo ao longo das sesións chegan a acumularse e, habitualmente, cómpre parar e tomar uns minutos para recapitular os termos e aclarar conceptos. Entre outras cousas, utilizarei esta entrada para aproar rumbo ao tema das programacións, analizando un exemplo de programación didáctica, e para responder algunhas das preguntas que veñen á cabeza ao ler listas de termos: que é unha programación didáctica? É o mesmo ca unha unidade didáctica? Que tipo de información recollen as programacións?

Unha programación didáctica defínese como o instrumento de planificación curricular específico e necesario para desenvolver o proceso de ensino e aprendizaxe do alumnado de maneira coordinada entre o profesorado compoñente do departamento. Expresado noutras palabras, poderíamos dicir que é un documento indispensable co que ten que contar cada departamento e no que se incluirá toda a información relativa á planificación da materia, que imparte dito departamento, en tódolos cursos onde teña presenza. Para qué serve? Entre outras cousas é fundamental para estudar as condicións nas que se impartirá a materia e para coordinar tanto ao profesorado que dará clase, como os contidos de cada curso. Cómpre mencionar que as programacións didácticas adoitan sufrir cambios e modificacións co devir do ano académico, xa que se debe adaptar ás necesidades e ao ritmo do alumnado e do centro.

Debe quedar claro que non é o mesmo unha programación didáctica que unha unidade didáctica. A segunda é o que coñecemos comunmente como tema ou lección. As unidades didácticas serven para levar á aula a planificación plasmada na programación, polo que nelas inclúese de maneira detallada todo o que se realiza nas sesións: os contidos pormenorizados do tema, a temporalización das actividades realizadas, os instrumentos de avaliación empregados, etc.

Unha vez aclarados os conceptos, pasemos a investigar un pouquiño máis acerca das programacións. Para elo, servirémonos dunha programación do departamento de inglés do centro IES Celia Viñas, para o curso 2015-2016. Antes de nada, gustaríame sinalar que as programacións adoitan ser documentos longos, porque ademais da información xeral sobre o profesorado, a materia, os seus obxectivos e contidos xerais, deben incluír tódolos cursos nos que se imparta dita materia con información detallada.  Por iso, antes de comprobar cales son os contidos da programación do IES Celia Viñas, considero importante saber cales son os elementos que debería conter calquera programación didáctica para os cursos da ESO segundo a LOMCE.

Elementos que debería conter calquera programación didáctica:
  • Introdución e contextualización
  • Xustificación: contribución ao desenvolvemento das competencias clave (das que xa falamos nunha entrada anterior)
  • Obxectivos para o curso
  • Estándares de aprendizaxe avaliable de:
    • Temporalización
    • Grao mínimo de consecución para superar a materia
    • Instrumentos de avaliación
  • Metodoloxía
  • Materiais e recursos didácticos
  • Indicadores de logro para avaliar o proceso de ensino e a práctica docente
  • Organización de actividades de seguimento, recuperación e avaliación de materias pendentes
  • Deseño da avaliación inicial
  • Medidas de atención á diversidade
  • Concreción dos temas transversais
  • Actividades complementarias e extraescolares
  • Mecanismos de revisión, avaliación e modificación das propias programacións

Programación do departamento de inglés do IES Celia Viñas


Confesarei que elixín esta programación didáctica porque está actualizada, xa que é deste curso 2015-2016 e porque me pareceu un exemplo do que se debe facer. Comezarei por dicir que é un documento dunhas 93 páxinas de extensión e que si me parece que está completa e que contén como mínimo tódolos elementos que a LOMCE marca, aínda que non segue a mesma orde e agrupa os contidos de xeito diferente. Velaquí deixo un resumo dos contidos da programación do centro IES Celia Viñas:

  • Introdución: expón as funcións da propia programación.
  • Compoñentes do departamento e libros de texto: lista de docentes e dos libros de texto que se empregarán.
  • Competencias a desenvolver: resumo das competencias básicas da ESO, as competencias instrumentais do bacharelato e dos traballos monográficos que se van a fomentar en tódolos niveis.
  • Obxectivos xerais: resumo dos obxectivos xerais da materia.
  • Metodoloxía: resumo do tipo de metodoloxía (activa e participativa) e dos seus principios básicos.
  • Atención á diversidade: estratexia xeral na que se contempla a actividade on-line; resumo do plan de recuperación de contidos non superados e presentación das opcións para a recuperación de alumnado coa materia pendente, resumindo os contidos de cada curso no que pode quedar a materia pendente (1º, 2º, 3 ESO e 1º Bach.); especificación do tipo de tarefas que se realizarán nas horas de libre disposición e temas a tratar por unidade.
  • Cultura Andaluza: relación de contidos culturais comúns a outras materias nas que se tratan temas específicos da Comunidade Autónoma de Andalucía, onde se atopa o centro.
  • Actividades complementarias e interdisciplinares: relación de actividades que se realizarán na ESO e Bacharelato (ver películas en inglés, realizar karaokes, participar en gymkanas do dep. de Matemáticas, visitas a aldeas, etc.).
  • Formación do profesorado: resumo da intención do corpo docente de continuar formándose.
  • Mecanismos de seguimento da programación: as reunións de departamento será onde se realice o seguimento periódico da programación.
  • Programación didáctica da ESO desglosada por cursos: cos obxectivos de área, bloques temáticos, secuenciación de competencias básicas e contidos interdepartamentais ou temas transversais
  • ESPA: resumo do programa de Educación Secundaria Obligatoria para Persoas Adultas, incluíndo temporalización, xustificación, bloques temáticos, criterios de avaliación de referencia.
  • Proxecto integrado de 4º da ESO: explicación do proxecto incluíndo unha introdución, contidos e secuenciación, avaliación e promoción e materiais e recursos didácticos.
  • Contidos mínimos:  desglose por curso e por destrezas.
  • Avaliación: criterios e procedementos de avaliación e criterios de cualificación: criterios agrupados en dúas categorías, ESO e Bacharelato, e resumo dos procedementos e tipo de probas.
  • Materiais e recursos didácticos: listado completo de recursos empregados.
  • Fomento da lectura: resumo do tipo de actividades que se levarán a cabo en tódolos niveis para animar ao alumnado a ler.

Vistos os contidos desta programación didáctica, volvo afirmar que está completa e que trata os elementos que marca a LOMCE. Sinalemos que aínda que non conta cunha sección especialmente adicada á avaliación inicial dos coñecementos, si que se trata este punto noutros apartados. Ademais, cómpre lembrar que no presente curso académico aínda non está instalada a LOMCE en tódolos niveis da ESO e que isto vese reflectido na programación analizada en cuestións como a nomenclatura das competencias básicas. Aínda emprega os títulos de “competencia en el conocimiento y la interacción con el mundo físico”, “tratamiento de la información y competencia digital”, “competencia social y ciudadana”, “competencia cultural y artística”, “autonomía e iniciativa personal”, no canto das que propón a LOMCE: “c. matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía”, “c. dixital”, “competencias sociais e cívicas”, “conciencia e expresións culturais” e “sentido da iniciativa e espírito emprendedor”.

Queridos navegantes, espero que esta entrada vos servira para coñecer máis as programacións didácticas, xa que é un tipo de documento co que, como futuras docentes, nos debemos ir familiarizando (canto antes mellor). Quedáronvos dúbidas? Podemos resolvelas na sección de comentarios!

No hay comentarios:

Publicar un comentario