21 de febrero de 2016

Dossier: Listening (17.02.16)

Ola de novo, navegantes!

Velaquí vai a primeira tarefa que nos encargou a profesora Ana Fontenla para a súa parte da materia “Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras”. Trátase de deseñar unha pequena actividade de listening para os nosos alumnos ficticios, incluíndo un pre-listening, listening e post-listening. Que documento escollería? Que actividades propoño? Continúa lendo para descubrilo todo acerca desta tarefa!

Como xurdiu en clase o tema das cancións, vou centrar o listening na famosa canción de Bryan Adams, “Summer of ‘69”, que non pasa de moda. Esta obra, permítenos repasar o Past Simple de verbos irregulares e regulares valéndonos dun tema que pode resultar motivador para o alumnado, o verán. Esta actividade está pensada para os primeiros días de clase en 3.° ou 4.° da ESO, cando se repasan coñecementos do curso pasado.

Pre-listening: “Who did what?”

Antes de comezar coa canción, falaremos un pouco para activar os seus coñecementos e axudalos a pensar en tempo pasado. O primeiro día de clase, a profesora recolleu certa información sobre eles, preguntoulles sobre cuestións variadas pensando en actividades que se farán ao longo do curso, entre eles datos, os alumnos deberon escribir algo que fixeron o verán pasado (e que non lles importaría compartir co resto do grupo) que eles cren que ninguén máis fixo. Hoxe será cando se bote man desa información.

A profesora daralle a cada alumno unha ficha con esas frases en forma de lista. Terán uns minutos para ir falando cos demais compañeiros para descubrir quen fixo que. Deberán preguntarse en pasado as accións da ficha (Ex.: Did you climb a mountain last summer?) e falar en todo momento en inglés. A profesora estará incluída na lista e camiñará entre eles, de xeito que poda ir comprobando que a actividade se desenvolve correctamente e faga unha avaliación inicial dos estudantes.

Este xogo poderíase adaptar ao tipo ou ao estado de ánimo do grupo-aula, xa que se pode facer de xeito global, sentados cada un no seu sitio, en alto e controlando en certa medida a interacción. Un primeiro alumno elixiría un compañeiro para preguntarlle sobre unha das opcións da lista, tras responder se foi ou non quen realizou esa acción, será a quenda dese segundo estudante, que deberá escoller outro compañeiro para facerlle unha pregunta.

Listening: “Summer of ‘69”, by Bryan Adams



Dicímoslle o nome da peza que van escoitar e dámoslle unha ficha coa letra da canción á que lle faltan palabras, que resultan ser os verbos.

Primeira volta: escoitar enteira e ir anotando os verbos que entendan. Preguntamos cantos conseguiron.
Segunda volta: Pregúntaselles cantos lles faltan, pódeselles dar algún verbo (en presente), escribíndoo no encerado,  entre os que se atopan varias opcións correctas, aínda que pode haber verbos de máis. Nesta volta, deben ir completando os verbos e contan con esa axuda.
Terceira volta: imos parando a canción a cada estrofa e imos corrixindo os verbos entre todos. Podemos buscar os momentos exactos para comprobar.

Aquí podedes ver a ficha que se lles daría:


Post-listening: Vocabulary and writing

Agora, imos traballar con algún vocabulario que pode que non coñezan. Falaremos en voz alta e intentaremos extraer o significado destas expresións grazas ao contexto e ao vídeo: “six-string”, “five and dime”, “to try real hard”, “drive-in” ou “to kill time”.

Por último, imos escribir un pouco, pero en grupos. Imaxina que sodes membros dunha banda de música de fama mundial desde hai varios anos. Poñédevos en grupos de 4 e respondede as seguintes preguntas por escrito, debedes estar de acordo nas respostas:

Como se coñeceu cada membro da banda?
Onde adoitabades ensaiar antes de volvervos famosos?
Como foi o voso primeiro concerto? Que sensacións tivestes?

Con esta actividade, combinaríamos nunha sesión tódalas destrezas e traballariámolas dun xeito dinámico e divertido. Paréceme que podería funcionar, pero, como carezo de experiencia docente, sigo tendo algunhas dúbidas acerca de como funcionan os alumnos ao xuntalos en grupos. Que opinades vós, navegantes? Parécevos faisable? Credes que a secuencia de traballo pode funcionar?
Ata pronto!

No hay comentarios:

Publicar un comentario