10 de marzo de 2016

Querido diario: Ler e escribir na L.E. (24-25 febreiro)

Navegantes! Ah, do barco!!

A entrada de hoxe será unha reflexión conxunta das sesións do 24 e 25 de febreiro, con Ana Fontenla e Luz Valencia, nas que tratamos principalmente a comprensión e produción escritas. Aproveitarei este espazo para reflexionar brevemente acerca de por que ao alumnado, por norma xeral, non lle gusta ler nin escribir na L.E. Ademais, darei a miña opinión sobre como creo que se podería solucionar.



Pois ben, irei directa ao gran, navegantes. Baseándome na miña experiencia como alumna, podería dicir que as actividades de lectura ou redacción na L.E. durante a secundaria adoitan traer consigo queixas e malas caras por parte do estudantado. Desde o meu punto de vista, poderíanse resumir en dous os puntos clave que causan ese malestar xeneralizado que se espalla nos grupos ante a idea de ter que ler un texto ou escribir algunha redacción.

A primeira causa serían os “problemas” de base que veñen arrastrando os alumnos desde cursos anteriores. En moitas ocasións, as destrezas de comprensión e produción escritas non están consolidadas nin sequera na lingua inicial. Gran parte do alumnado non conta coas ferramentas ou non coñece as técnicas precisas para traballar esas cuestións de forma autónoma. Non son quen de redactar resumos, informes, cartas, etc. porque, se cadra, nin coñecen cal é a estrutura deses tipos de texto, nin as súas características. Tamén adoitan ter dificultades en realizar certo tipo de lecturas ou, por exemplo, identificar cal é a información máis relevante dos textos. Na miña visión, unha posible solución para este tipo de dificultades consistiría en darlles técnicas, ofrecerlles unha guía: facer explicacións exemplificadas para aclarar os tipos de textos que se van traballar e as súas estruturas e características; facer preguntas para que se fixen nos aspectos clave e para aclarar a información que debe aparecer ou que deben buscar nos textos; analizar exemplos entre todos para que non queden dúbidas do que é ou non é importante. Así mesmo, considero que sempre hai que realizar unha boa planificación previa das actividades e intentar traballar cunha certa orde e, no caso das lecturas, non saltarse a fase previa (refírome á presentación e preparación da actividade, traballando vocabulario, introducindo a temática, etc., segundo cumpra en cada caso).


En segundo lugar, no que respecta ás dúas destrezas mencionadas, existe unha desmotivación xeneralizada entre o alumnado. Como xa falamos na sesión pasada, os métodos de certos profesores non axudan a subir os ánimos. É difícil atoparlle a funcionalidade a moitas das actividades que algúns docentes presentan na clase (máis aló de ser lecturas ou redaccións obrigatorias para aprobar a materia). Ademais, non soen ter nada que ver coa vida ou co entorno do alumnado, polo que non permiten realizar unha aprendizaxe significativa, nin espertan a interese dos rapaces e rapazas.  Como lle poría solución a isto? Intentaría que o alumnado estivese motivado e que viran nas actividades algún tipo de utilidade, que non provoquen aburrimento, que lles permitan expresar as súas opinións… Nesta liña, poderían encadrarse as actividades a partir de documentos orixinais, empregar temáticas que lles interesen, falar de si mesmos, incluír o traballo en equipo, as mecánicas de xogo, con regras e recompensas, que poden estar baseadas en dinámicas da aprendizaxe non formal.


Nas sesións do 24 e 25 de febreiro, tivemos a oportunidade de poñer en práctica varios exemplos de actividades entretidas, motivadoras, divertidas e moi útiles para traballar as destrezas de comprensión e produción escritas. Algúns exemplos serían: elaborar historias en grupo a partir de palabras á toa, inventar relatos a partir de imaxes, vídeos subtitulados, xogos de pistas (xa que deberán ler, comprender e razoar para poder resolvelos), puzzles coas frases dun texto, probar a facer unha receta… Ademais, tamén xurdiu a idea de engadir unha motivación externa para levar a cabo as actividades, como por exemplo, facer un concurso, que os destinatarios dos textos elaborados sexan persoas reais, ter amigos por correspondencia, facer exposicións dos documentos elaborados, crear un diario (en papel ou online) no que deban participar todos e que será un recordo que garden toda a vida, entre outras.

Que opinades vós, navegantes? Coincidides comigo en que esas serían as claves para que o alumnado queira escribir e ler en clase de L.E.? 

1 comentario:

  1. Coincido plenamente! Como xa comentaba na sesión, hai que darlles unha razón para escribir, como vos demos a vós unha razón para que escribirades este blog!

    ResponderEliminar