28 de febrero de 2016

Dossier: The Elf Story (25.02.16)

Cambio de rumbo, navegantes!

A entrada de Dossier de hoxe vai ser un pouco diferente, xa que se trata dunha tarefa que nos encargaron de maneira conxunta ámbalas dúas profesoras da materia “Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras”, Ana Fontenla e Luz Valencia. Debemos elixir unha proposta de actividade da páxina Lessonstream e darlle unha volta para adaptala ao noso gusto ou ás necesidades dun grupo-aula imaxinario. Que actividade elixín? Como é a adaptación que propoño? Para saber máis, continuade lendo…

Que actividade escollín?

Unha actividade baseada na historia titulada “The Elf Story”, á que podedes acceder pinchando no propio título. Trátase dunha versión adaptada dun relato titulado “Knowing what we know now”, que está incluído no libro “Seeing Stars”, de Simon Armitage.

A proposta de Jamie Keddie en Lessonstream está pensada para traballar a comprensión e a produción oral con alumnos dun nivel B1 ou superior. Proponlle aos alumnos que completen certos fragmentos que faltan na historia do elfo a medida que o profesor llela vai contando. Ditos fragmentos son oracións que el seleccionou previamente e que lles facilitou en forma de fichas.

No noso caso, xa que estamos vendo na clase como deseñar actividades completas coas que traballar varias destrezas, o obxectivo principal da actividade será conseguir que o alumnado exercite recepción e produción tanto oral como escrita. Tamén se pretende adaptar o nivel, para que se poda realizar con alumnos do segundo ciclo da ESO e de Bacharelato. Non empregarei o relato completo, segmentareino de xeito diferente para dar pé á parte de post-lectura.

En que consistirá a actividade que eu propoño?

Pre-lectura: Antes de pasar a ler o fragmento do texto, traballaranse certo vocabulario e expresións que aparecen nel e que poden descoñecer os alumnos. A comunicación oral que se establecerá nesta fase permitirá traballar a recepción e produción oral do alumnado. A profesora iralles presentando a lista que veredes a continuación, que os alumnos irán anotando no encerado. Unha a unha solucionaranse as dúbidas semánticas, a profesora poderá facerlles preguntas para animar á produción e utilizará a mímica se fose necesario, para evitar o emprego doutra lingua que non sexa o inglés. O vocabulario que se traballa nesta fase pode variar segundo as necesidades do grupo-aula, pero aquí deixo unha proposta:

Elf (Ensinar a imaxe do elfo que atoparedes a continuación para facilitar comprensión)
breakfast table
helping myself
a once-in-a-lifetime opportunity
the halfway line
to pretend
hourglass of life
forms
beer belly

 
Primeira lectura: A continuación, daráselles unha ficha a cada un dos alumnos. Dito documento conterá un texto con ocos, que deberán completar individualmente coas formas verbais correctas ou co vocabulario que aparecerá nunha lista de frases. Deberán ir lendo o texto e decidindo onde vai cada frase e cal é a forma verbal correcta. Nesta fase, tódolos alumnos e alumnas traballarán de xeito individual a comprensión escrita, asentarán os coñecementos sobre o vocabulario que se acaba de tratar na clase e repasarán os tempos verbais. Podedes acceder ao documento facendo clic a continuación.




Segunda lectura: colocados en grupos de 4-5 persoas, deberán poñer en común a solución dos ocos do texto. E chegar a un acordo ao respecto. Despois duns minutos para que cheguen a ese acordo nos grupos, pasaremos a ler en alto o texto completo. Un representante de cada grupo (dependendo do número de alumnos) lerá un dos 5 parágrafos, irase corrixindo o texto e solucionando dúbidas en caso de habelas. Nesta fase da actividade, traballarase a comprensión e produción oral e tamén a comprensión escrita.
Post-lectura: Unha vez corrixida a parte de completar os ocos e rematada a fase de comprensión do texto, a profesora explicaralles cal será a parte de post-lectura. Na casa, deberán redactar un texto breve, de entre 60 e 80 palabras, para continuar a historia: que decisión tomará Kevin? Por que motivo? Que responderá o elfo? Con esta parte da actividade, traballarán a produción escrita. Cómpre mencionar que na sesión seguinte, ao recoller as redaccións dos alumnos, poderáselles ler o final da historia e preguntarlles que lles parece.

Ata aquí por hoxe, navegantes! Esta foi a miña proposta, coa que espero que os meus alumnos (polo momento imaxinarios) se divirtan e traballen tódalas destrezas. Se lle tivera que poñer unha pega, sería que o feito de non escribir sobre si mesmos pode que non resulte tan motivador para eles. De tódolos xeitos, creo que o factor da maxia, da intriga e das posibilidades imposibles, como é que apareza un ser máxico a concedernos un desexo, os inspirará para redactar un texto entretido. Que opinades vós? Pareceuvos completa? Como a mellorariades? 

2 comentarios:

  1. Parecéronme moi interesantes os cambios que propós, que ademáis inclúen unha proposta para traballo de casa, así a actividade (que NON exercicio) queda máis completa aínda.

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Grazas polo comentario! A verdade é que tratei de deseñar unha actividade (non exercicio) o máis completa posible, intentando que tivese un toque de interacción para animar ao alumnado.

      Por certo, xa correxín o erro do texto.

      Eliminar